Mancomún

A Deputación vasca de Bizkaia estudará implantar software libre para a declaración de impostos

Mércores, 5 Novembro 2008
  • O proxecto concretarase na sinatura dun convenio coa Asociación de Empresas de Software Libre de Euskadi, ESLE
  • En Galiza, as colaboracións entre Agasol e a Administración Pública oriéntanse a labores de promoción e difusión de cara á  unha maior implantación das tecnoloxías abertas entre o tecido empresarial galego

EsleA deputación de Bizkaia estudará a posibilidade de desenvolver versións de programas de axuda, como os utilizados polos contribuíntes para confeccionar a declaración do IRPF ou do IVE, que poidan ser executados en sistemas operativos diferentes a Windows, incluídos os baseados en software libre. Para iso asinará un convenio de colaboración coa Asociación de Empresas de Software Libre de Euskadi, ESLE , cunha duración inicial dun ano a través da empresa foral Lantik,S.A.

Na actualidade, a Deputación ofrece aos seus contribuíntes estes programas de axuda, que permiten a confección de varios tipos de declaracións -como a do IRPF , do IVE ou do Imposto de Sociedades- e a súa posterior impresión en formatos dos modelos oficiais e válidos para a súa presentación na Facenda Foral de Bizkaia. Estas aplicacións, non obstante, requiren ser executados en contorno Windows.

O convenio terá por obxecto establecer os termos e as condicións da colaboración entre a Deputación Foral de Bizkaia e ESLE, e o compromiso da Deputación na avaliación da posibilidade de desenvolver versións de programas de axuda que poidan ser executadas en todos os sistemas operativos.

Pola súa parte, ESLE achegará o seu coñecemento e experiencia na área do software libre á entidade gobernamental, fornecendo apoio técnico e asesoramento na redacción dos pregos técnicos e/ou administrativos para a licitación dos citados desenvolvementos.

A Deputación comprométese a pagar a ESLE unha cantidade “aínda non determinada” a cambio dos servizos prestados. Desta maneira, perséguese non discriminar á cidadanía debido á súa elección tecnolóxica.

Precisamente sobre este asunto debateuse esta semana na comisión Institucional vasca das Xuntas Xerais, por mor dunha proposta de Ezker Batua (EB) na que se pedía a Deputación “implantar progresivamente o software libre nos seus sistemas informáticos” e a “a favorecer o desenvolvemento da empresa local de software libre, que a día de hoxe non compite en igualdade de condicións nun mercado rexido polo monopolio”, segundo explicou o seu apoderado Jonathan Martínez.

Colaboracións para a implantación do SwL no tecido empresarial galego

No ámbito galego, a colaboración entre a Administración e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) remóntase xa tempo atrás, existindo unha estreita colaboración entre ambas entidades para a promoción e difusión das tecnoloxías abertas entre o tecido empresarial galego, de acordo aos obxectivos marcados polo Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (2007-2010).

Este traballo conxunto concretouse o pasado mes de outubro na sinatura dun convenio entre a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Industria e Agasol para a realización de actuacións que contribúan ao desenvolvemento e á difusión das tecnoloxías de código aberto entre o tecido empresarial galego. A iniciativa, promovida dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, dotouse dunha partida orzamentaria de 20.000 euros.

En virtude deste convenio Agasol está a percorrer toda a xeografía galega cun ciclo de conferencias que pretende dar a coñecer ás empresas galegas as vantaxes das tecnoloxías libres e abertas, así como as oportunidades de negocio que este brinda. O vindeiro encontro terá lugar o día 18 de novembroás 19:30h na Confederación de Empresarios de Ourense. 

Así mesmo, Agasol participará o xoves 13 de novembro nunha xornada de traballo sobre o “DVD Ferramentas Informáticas para a PEME”. A sesión, organizada por Mancomún, reunirá a representantes de empresas TIC galegas co propósito de facer balance dos resultados obtidos e establecer os criterios para a estratexia a seguir no futuro, de cara a unha maior implantación do Swl na PEME galega.

Fonte: Deia.com

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal