Mancomún

A Directora da AMTEGA presentou esta fin de semana o Plan de Software Libre 2012

Luns, 14 Maio 2012

O PLAN DE SOFTWARE LIBRE 2012 DA XUNTA DESENVOLVERÁ 120 ACTUACIÓNS PARA IMPULSAR O USO DO FLOSS NO SECTOR EMPRESARIAL, NA SOCIEDADE E NA ADMINISTRACIÓN

  • A Axencia para a Modernización realizará este ano un estudo sobre o impacto da migración exclusivamente a ferramentas ofimáticas de software libre nos ordenadores dos empregados públicos

  • O 94% dos equipos informáticos da Administración autonómica contan con ferramentas de software libre, unha porcentaxe que se duplicou desde o ano 2009

  • O 45% da formación en novas tecnoloxías ofrecida pola EGAP este ano centrarase no software libre fronte ao 33% do ano pasado

  • O vindeiro curso un total 60.000 alumnos galegos disporán de equipamento con ferramentas ofimáticas de fontes abertas

  • O emprego do software libre en proxectos de calado como Abalar, a rede Cemit e outros do ámbito da Administración permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011

  • Galicia acollerá este ano por primeira vez a Libre Software World Conference, un dos maiores eventos de difusión do Software Libre que se celebra en España organizado por Agasol e coa colaboración da Xunta

A Directora da Axencia para a Modernización de Galicia presentou o sábado 12 de maio o Plan de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia así como o balance das actuacións levadas a cabo durante o ano 2011, que xa fora presentado o día anterior a todos os axentes implicados no mesmo.

Presentación do PLan FLOSS 2012 aos axentes implicados no mesmo o venres 11 de maio

O Plan de Software Libre 2012 da Xunta conta cun investimento de 915.000 euros para o desenvolvemento de 120 actuacións dirixidas a impulsar o uso do software libre e código de fontes abertas (Floss) no sector empresarial, na sociedade en xeral e na Administración. O Plan desenvólvese en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), das empresas do sector (AGASOL), coa Comisión Interuniversitaria de Galicia (que integra as tres universidades) e do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

Aforro de 2,5 millóns de euros en proxectos estratéxicos

Ademais das liñas de acción establecidas no Plan, a Xunta está a realizar proxectos estratéxicos baseados en software libre como son Abalar, o desenvolvemento das iniciativas de Administración electrónica e a formación dixital da cidadanía a través da Rede Cemit. Grazas a uso do software libre nestas iniciativas a Xunta aforrou 2,5 millóns de euros no período 2010-2011.
Así o explicou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, durante e presentación do Plan 2012 e balance de actuacións 2011, acto que no tamén se asinou un convenio de colaboración entre a Asociación Galega de Empresas de Software Libre e o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas CENATIC, a cuxo padroado pertence a Xunta desde o ano pasado.

Na presentación do Plan a directora da Amtega recordou que o actual Goberno galego foi o primeiro en contar cunha estratexia clara en materia de software libre poñendo en marcha en 2010 o primeiro plan realizado en colaboración cos axentes do sector.

Software de fontes abertas na Administración

Mar Pereira, destacou a aposta polo uso do software libre na Administración coa elaboración dun estudio que analizará o impacto, as necesidades formativas e a viabilidade da migración exclusivamente a ferramentas ofimáticas de software libre en todos os ordenadores dos empregados públicos da Xunta.

Este estudo é o paso previo necesario antes de poder elaborar un plan de migración e un avance no camiño iniciado en 2010 ao instalar en todos os novos ordenadores ferramentas ofimáticas de software libre en convivencia co software propietario. A día de hoxe o 94% dos ordenadores da Administración dispoñen de software libre e esta porcentaxe duplicouse desde a posta en marcha do Plan Floss, xa que no 2009 só o 46% do PCs dispoñían de software libre.

Ademais, este ano porase en marcha, en colaboración con CENATIC un procedemento para analizar de xeito previo á contratación dun produto o desenvolvemento tecnolóxico se existe unha solución libre que cubra as necesidades requiridas.

No eido educativo a terceira fase de Abalar permitirá que no curso 2012-2013 un total de 45.000 alumnos conten con ultraportátiles con software libre. Ademais outros 15.000 disporán de 782 kits de aulas dixitais conformadas por proxectores, portátiles e pizarras dixitais co que serán 60.000 os alumnos que empregarán ferramentas libres durante o vindeiro curso.

Difusión do Software libre entre a cidadanía

Un dos aspectos clave para o éxito das tecnoloxías FLOSS, en particular na vida diaria, é a formación para comprender os beneficios do seu uso.

En 2011 realizáronse máis de 2.000 actividades de difusión e formación sobre software libre das que se beneficiaron máis de 45.500 persoas grazas á formación dixital para a cidadanía da Rede Cemit; aos cursos para profesionais TIC do Centro de Novas Tecnoloxías; ás actividades para empregados públicos da EGAP, á formación para docentes e alumnos impartida ao abeiro do proxecto Abalar e as restantes actividades promovidas polas universidades, as Asociacións de usuarios de software libre e o CPEIG.

En 2012 o plan continúa esta senda coa formación específica dos empregados públicos a través do plan Ofimático Galego que, por primeira vez o ano pasado impartiu cursos específicos de software libre. En 2012 o 45% da formación TIC que ofrecerá a EGAP estará dedicada ao software libre fronte ao 33% que representou en 2011.

O software libre está presente tamén na formación tecnolóxica que a Xunta ofrece aos cidadáns a través da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, (CeMIt), onde máis de 1.300 ordenadores das 98 aulas teñen instalado o sistema operativo libre. A rede está presente en 92 concellos e conta cun plan de formación que chegará en 2012 a arredor de 15.000 usuarios.

Ademais, este ano convocarase o Premio ao mellor Proxecto universitario de Fin de Carreira en colaboración coas empresas do sector.

Software libre na empresa

A finais de 2010 máis do 60% das empresas galegas usaban software libre, duplicándose a demanda no período 2008-2010. En canto á oferta preto do 60% das empresas informáticas ofertan produtos ou servizos de software libre, unha oferta que se incrementou nun 15% no período 2008-2010. Para contribuír a incrementar estas cifras o Centro Demostrador TIC de Galicia continuará promovendo a realización de demostracións e formación en software libre para pequenas e medianas empresas.

Outra das actuacións destacables neste área é a celebración en outubro deste ano da terceira edición la Libre Software World Conference, un dos maiores eventos e difusión do software libre celebrados en España para empresas e profesionais que terá lugar por primeira vez en Galicia.

Durante o ano 2012 o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia continuará formando aos profesionais do sector TIC en software libre dentro do seu plan formativo con 16 cursos e preto de 1.000 sobre este tipo de aplicativos. Ademais, manterase o Repositorio Floss de Galicia, no que se continuarán publicando os proxectos liberados pola Xunta de Galicia, empresas e cidadáns, e que a día de hoxe son 245.

Convenio Cenatic e Agasol

Durante a presentación do Plan Floss, asinouse un convenio entre a Fundación CENATIC e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, para asesorar ao sector tecnolóxico de Galicia sobre os aspectos xurídicos, tecnolóxicos e metodolóxicos máis axeitados para a liberación de software e coñecemento, así como para o desenvolvemento de negocio baseado en software libre.

Este coñecemento contribuirá, xunto á calidade das propias empresas galegas, a seguir crecendo e consolidándose como axentes fundamentais no ámbito local do cambio que se está a producir nos sistemas tecnolóxicos da Administración.

A Xunta de Galicia forma parte do padroado de CENATIC desde 2010 conseguindo así que o Goberno galego consegue que Galicia teña voz e voto na entidade que toma as decisións estratéxicas para o fomento do software libre a nivel estatal.

Fonte: imit

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal