A asociación GALPon acaba de publicar a versión beta da distribución MiniNo PicarOS 2013. Esta nova versión chamada MiniNo PicarOS 2013 Diego está adicada ós máis pequenos.
A distribución está baseada en Debian Wheezy/Sid con todo o entorno enfocado para cativos dende 3 a 12 anos. Ó estar destinada a rapazas e rapaces os desenvolvedores tiveron en conta certas necesidades de usabilidade.
O equipo de MiniNo PicarOS estivo a realizar probas dos aplicativos en situacións reais en varias aula. Isto permitiu a incorporación de engadidos e a mellora da configuración dos aplicativos.
En definitiva, está todo pensado para que os miúdos (e os non tan miúdos) non teñan por que saber nada do sistema nin de instalacións para tirarlle partido a esta distribución.
Entre estas principais características atópanse:
- Configurada para traballar cun simple clic
- O panel de iniciadores moi visual e intuitivo que inclúe programas que funcionan ao facer clic ou ao arrastrar e soltar ficheiros que hai que procesar.
- Emprega o xestor de ficheiros Caja do escritorio Mate.
- Os navegadores predeterminados son Chrome e Firefox, pero inclúe tamén Midori con Tor habilitado para unha navegación segura e anónima.
- Inclúe unha gran variedade de programas libres para a edición gráfica, multimedia, ofimática, xogos e multiples programas educativos. A lista completa de ferramentas podese consultar na web do proxecto.
Xa que esta nova versión da distribución atópase en fase de beta, os desenvolvedores agradecen que os usuarios a proven e lles remitan os informes de fallo que atopen.
Esta actividade forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
