A distribución GNU/Linux para cativos MiniNo PicarOS 2013 enfía xa a súa recta final coa publicación o pasado sábado da súa versión PicarOS Diego RC. Dende o equipo de desenvolvemento anunciaron, que o sábado ás 13:44:53 remataron de pechar todas as incidencias abertas durante as probas tras engadir as suxestións que foron feitas, polo que procederon á construción da imaxe ISO da versión candidata a versión final.
Como vos informamos o pasado mes de xuño, na presentación da versión beta, PicarOS Diego é unha distribución GNU/Linux dirixida ao público máis miúdo da casa, os cativos de entre 3 e 12 anos, co obxectivo de facilitarlles o uso do computador, tanto no seu lecer como en tarefas máis relacionadas coa súa aprendizaxe na aula ou na súa vida diaria.
Así, a distribución, ademais de prestar especial atención ao deseño, facilidade de uso e intuitividade, conta con gran variedade de programas libres para a edición gráfica, multimedia, ofimática, xogos e multiples programas educativos. A lista completa de ferramentas pódese consultar na web do proxecto.
Os interesados poden descargar PicarOS 2013 Diego da páxina de descargas. Trátase dunha ISO híbrida que pode gravarse nun DVD ou nun USB de polo menos 4GB. No wiki de GALPon pódense consultar as instrucións para transferila a un USB.)
Acompañando a esta publicación, anuncian tamén a inclusión dun novo apartado no web de PicarOS; o menú «Vídeotitoriais» onde irán incluíndo tanto vídeos de axuda elaborados pola factoría GALPon MiniNo como calquera outros que poidan facer os usuarios.
O obxectivo non é outro que facilitar ao máximo o uso desta derivada a aquelas persoas que chegan de novas ao mundo da liberdade tecnolóxica.
Entre as principais novidades desta nova versión destacan:
- Engádese un sistema de «nube» persoal con BitTorrent Sync para sincronizar «cartafoles» con calquera outro equipo ou teléfono intelixente.
- Esta «nube» non depende de ningún servidor externo, os ficheiros alóxanse nos equipos sincronizados, polo que «só» as persoas autorizadas acceden a eles (dependendo do nivel de autorización que se lles outorgou) co que nunca se perde o seu control.
- Para acceder dende PicarOS a este sistema faise dende o navegador na ruta http://localhost:8888. Ademais creouse un mini aplicativo, con icona na área de notificación, para activar/desactivar, acceder á páxina de compartición/configuración (no navegador) e supervisar os últimos elementos engadidos á sincronización.
- Existen clientes para Mac OSX, Windows, iOS e Android. En sistemas GNU/Linux, FreeBSD e dispositivos NAS utilízase un cliente web, dispoñible para a práctica totalidade de arquitecturas, que é o que está instalado e configurado en PicarOS.
- Elimínase a opción de 2 usuarios (minino/picaros), deixando só o usuario minino. Engádense 4 posibles escritorios preconfigurados, conmutables con só un reinicio de sesión:
- Escritorio “infantil” para pantallas de alta resolución, <1200, (PicarOS).
- Escritorio “infantil” adaptado a ultra portátiles e pantallas de baixa resolución 1024×768 (PicarOS netbook).
- Escritorio “serio” igual que o LXDE de MiniNo (MiniNo).
- Escritorio “serio” igual que o “estilo Gnome” de MiniNo (Gnome2).
- Substitúese “Dia” por “VUE” por estar mellor adaptado para un entorno educativo.
- Engádese unha opción de cambio automático de fondos de pantalla.
- Engádese “gobohide” (activado de forma predeterminada na instalación, non así en vivo) para agochar todos os directorios e ficheiros sensibles da vista dos pequenos “aprendices”, para evitar calquera manipulación indebida.
- Esta funcionalidade pódese activar/desactivar desde a “Configuración da sesión de escritorio”, necesitando reiniciar o equipo.
- Engadida unha opción (desactivada de forma predeterminada para que sexa o pai/profesor/administrador quen a active) que impide “fixar” os cambios feitos no escritorio, restablecendo no seguinte inicio a configuración inicial (ou a que se realizou con esta opción desactivada).
- Engadido un “programiña” que permíte debuxar sobre a pantalla. Perfecto para exposicións na aula ou para facer vídeo titoriais.
- Engadido un sistema de asistencia remota, por compartición de escritorio, que simplifica os pasos a dar especialmente polo “neófito” que necesite axuda.
- Destacar que o que demanda axuda “só” ten que escribir o número IP que lle facilite o seu “axudante” e que este só necesitará facer (unha vez) o encamiñado (NAT) da súa computadora.
- Engadida unha opción en menús para desmontar dispositivos USB sen necesidade de abrir o xestor de ficheiros.
- Agora o sistema detecta a presenza de baterías e activa a súa supervisión cando esta existe. Engadíuselle unha mensaxe de voz para a alarma de “baixa carga”. (Grazas á little-betatester Marta Carpintero).
- Modificados os instaladores.
- Modificado o tema de carga do SO
- Actualización do núcleo (kernel) á versión 3.10.1. Parcheado do núcleo con “gobohide” polo que denominámola como «3.10.1-picaros».
- Integrada a versión 0.5.1 de Virtual Midi Piano Keyboard.
- Engadidas as traducións de Laby, Anki, Hidrogen, wmpk, Mixxx, Marble, Scratch, GTans, Jokosher, Tanglet, Stopmotion, gobohide, BTSync, Xerador de carnés, Creador de diplomas e Creador de orlas.
- Todos os elementos específicos de PicarOS en catalán, grazas a Jose Angel Galegos.
- Agora todos os cartafoles de miniaplicativos e escritorio aparecen co seu nome no idioma de entorno ($LANG).
- Engadidos novos mini aplicativos á barra de tarefas.
- Reducido o tamaño final (3,3 GB) para que caiba sen dificultade nun dispositivo de memoria USB de 4GB, sen sacrificar a instalación de ningún programa ou utilidade (lembrar que hai dispositivos con 4GB nominais que só teñen unha capacidade real de 3,7 GB).
Esta actividade forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
