Segundo informa a propia Sdweb – Solucións Dixitais, o Drupal Executive Meetup chega á súa terceira edición que se celebrará o xoves 11 e venres 12 de abril na cidade de Cornellà.
Este encontro reúne ás principais empresas europeas cun alto nivel de especialización no desenvolvemento de aplicacións e módulos no CMS ou xestor de contidos Drupal.
Trátase dun evento centrado en artellar a rede europea de desenvolvedores da comunidade Drupal, é dicir, un encontro anual para establecer sinerxías entre aquelas empresas e profesionais que participan activamente neste comunidade aportando e desenvolvendo código fonte.
Os responsables da empresa Sdweb – Solucións Dixitais destacan o espírito colaborativo da iniciativa e o seu alcance europeo “A filosofía do encontro é totalmente colaborativa con reunións permanentes o que facilita establecer moitas liñas de traballo en conxunto con outras empresas europeas fortemente especializadas en Drupal e poder presentar a nosa oferta a proxectos máis grandes así como a desenvolver productos e servizos especializados”.
O primeiro encontro deste tipo celebrouse en Bruselas con máis de 60 asistentes e tivo a súa segunda edición en Amsterdam. Na terceira edición é a cidade de Cornellà no seu Centro Tecnolóxico para a Difusión da Cultura Tecnolóxica (Citilab) o que acolle o evento enfocado específicamente en definir as estratexias de desenvolvemento do CMS drupal en diferentes ámbitos (e-commerce, redes sociais, portais web…), no networking entre empresas especializadas neste ámbito a nivel europeo e en garantir e establecer procesos de calidade nas implantacións de plataformas Drupal (elaboración de documentación, desenvolvemento de código, planificación de proxectos…).
A empresa Sdweb ten xa unha importante traxectoria e experiencia en torno a Drupal, así por exemplo, durante o ano pasado participou no I Congreso Hispano Luso de Software Libre celebrado en Mérida, colaborou no estudo comparativo sobre sistemas de xestión de contidos web e impartiu un Curso de Drupal 7 organizado polo CPEIG.
