Mancomún

A empresa iCarto organiza un obradoiro de OpenStreetMap e un mapatón humanitario

Xoves, 17 Marzo 2016

Obradoiro OSMO vindeiro venres 8 de abril, en colaboración co Laboratorio de Cartografía da Universidade da Coruña (CartoLab), a empresa galega iCarto organiza un obradoiro de introdución a OpenStreetMap xunto con un mapatón humanitario dunha rexión de Mozambique.

iCarto vén traballando dende fai varios anos na rexión norte de Mozambique en proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento a través das convocatorias de Cooperación Galega (Xunta de Galicia). Estes proxectos teñen por obxectivo o fortalecemento institucional da Administración Rexional de Augas do Norte de Mozambique (ARA-Norte) a través do emprego de tecnoloxías de información xeográfica de Software Libre.

A xornada do 8 de abril terá dúas partes diferenciadas, pola maña presentarase o traballo que iCarto está levando a cabo en Mozambique e farase un obradoiro de introdución a OpenStreetMap, para aquelas persoas que queiran coñecer e empezar a colaborar con este proxecto. Xa pola tarde farase un mapatón humanitario, que consiste en traballar con OpenStreetMap creando cartografía en Mozambique que será empregada para poder facer un estudo de riscos de inundacións, polo que o mapatón centrarase no mapeado de elementos vulnerables como vivendas ou infraestruturas.
A asistencia á xornada é de balde, pero é necesario inscribirse para facilitar á loxística do mesmo. Para iso pódese confirmar a asistencia a través da seguinte ligazón.

Xornada OSM

OpenStreetMap

OpenStreetMap é coñecido popularmente como “a Wikipedia dos mapas”, xa que o obxectivo principal desta iniciativa é crear unha cartografía de todo o mundo libre, de xeito colaborativo.

A diferenza de servizos de mapas privativos, OpenStreetMap non só ofrece unha representación cartográfica do mundo, senón que en realidade é unha gran base de datos xeográfica que contén moita máis información, e ademais está dispoñible baixo unha licenza libre, para que calquera persoa a poida empregar, modificar ou crear as súas propias representacións dos datos.

Sobre os organizadores

iCarto é unha empresa galega pertencente a AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre), especializada no desenvolvemento e implantación de tecnoloxías de información xeográfica de Software Libre e cunha vocación especial polos proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento que vén desenvolvendo dende fai varios anos tanto en Mozambique como en diferentes rexións de centroamérica.

CartoLab é o Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña. O seu traballo está baseado no emprego do Sistemas de Información Xeográfica para conseguir unha planificación e xestión máis eficaces das infraestruturas, servizos e espazos territoriais. A súa filosofía está orientada a potenciar ás tecnoloxías de información xeográfica no ámbito da Enxeñería Civil e da sociedade en xeral.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal