Mancomún

A EOI avala a viabilidade do SwL nun informe dirixido a dirixentes políticos

Luns, 27 Xullo 2009

A Fundación EOI (Escuela de Negocios), da que participa o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio xunto con outras entidades de carácter privado, publicou recentemente o informe “A oportunidade do software libre. Capacidades, dereitos e innovación”. Trátase dun estudo que analiza, sucintamente, as vantaxes do software libre, co propósito claro de convencer a dirixentes políticos da oportunidade que este ofrece no desenvolvemento dun territorio.

O documento fundamenta esta hipótese nunha serie de argumentos que xustifican a viabilidade tecnolóxica, económica, administrativa, xurídica e política do software libre e que poderían resumirse en cinco principios, : o software libre representa unha opción de calidade que impulsa a innovación, crea tecido industrial e asegura a libre competencia, fomenta o escrutinio público e optimiza o gasto informático, garante a igualdade de oportunidades dos provedores e a seguridade da información, ensancha as liberdades na sociedade da información e favorece a cultura aberta.

Facendo alusión a casos de recoñecido valor como as experiencias de Extremadura ou Andalucía, o informe sentencia que o principal obstáculo para pasar dunha sociedade con gran dependencia do software privativo a outra que se apoiaría nas solucións libres radica na “falta dun liderado político claro e sustentado” que apoie esta alternativa.
Para isto, os autores do documento ofrecen máis de vintecinco recomendacións para a implantación dunha política decidida de apoio ao software libre entre as que se contan, por exemplo, a creación dunha rede de centros de certificación cun programa nacional común ou un plan de axudas ás comunidades de desenvolvemento de software libre, entre outras.

Estas recomendacións, dirixidas aos mandatarios políticos, son valoradas cunha puntuación de 1 a 3 segundo o grao de novidade, custo, rapidez, visibilidade e eficacia.

O documento foi liberado baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-Compartir 3.0 España.

Visto en: Asennadas

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal