Mancomún

A FIC acolle o sábado o Scratch Day organizado polo CPETIG

Luns, 2 Maio 2016

O vindeiro sábado 7 de maio a Facultade de Informática da Coruña (FIC) acolle o “Scratch Day” organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa propia FIC.

Imaxe da comunidade Scratch

O obxectivo deste evento é difundir os valores da programación informática entre os nenos e os seus pais. Diríxese fundamentalmente a rapazas e rapaces de entre 10 e 14 anos, que acompañados dun adulto, poderán compartir unha xornada aprendendo, profundando e divertíndose coa informática a través do contorno de programación Scratch.

O evento comezará cunha breve presentación e demostración de Scratch para pasar logo á parte totalmente práctica con dous obradoiros paralelos de programación con Scratch de nivel iniciación e nivel avanzado.
A participación nestes obradoiros é totalmente gratuíta, sendo preciso realizar unha inscrición previa ao existir limitación de prazas.

A implicación e a concienciación dos pais neste ámbito servirá de apoio para que as nenas e os nenos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade organizada polo colexio non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar. Preténdese que os participantes poidan, dunha lúdica e divertida, tomar conciencia da potencia da programación como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento.

Obxectivos e axenda da xornada

O “Scratch Day” ten como obxectivos xerais:

  • Eliminar mitos en relación á programación informática.
  • Introducir aos asistentes de forma lúdica e divertida no mundo da programación.
  • Coñecer a contorna de programación Scratch.
  • Aprender a desenvolver videoxogos coa ferramenta Scratch.
  • Concienciar da potencia da programación como medio de expresión das ideas propias e como medio de emprendemiento.
  • Descubrir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.

Axenda:

  • 9.30 a 10.00 – Benvida
  • 10.00 a 10.30 – Presentación e demostracións
  • 10.30 a 13.30 – Obradoiro de programación con Scratch (2 talleres en paralelo. Nivel iniciación e nivel avanzado)
  • 13.30 a 14.00 – Presentación de proxectos

Os asistentes distribuiranse en función da súa experiencia previa con Scratch. Haberá un obradoiro de iniciación e outro de nivel avanzado.

Sobre Scratch e ciclo de formación do CPETIG

Este evento dá continuidade ao curso de Scratch para formadores que tivo lugar tamén na FIC o pasado venres 22 de abril, xa que no Scratch Day contarase, ademais de coa participación de profesorado experto en Scratch, con monitores formados neste curso.

Esta actividade, da que se prevé facer tres edicións máis ao longo do ano, encádrase dentro do convenio de colaboración asinado entre o CPETIG e a AMTEGA o pasado 4 de abril.

Sobre Scratch

Scratch é un aplicativo destinado a introducir aos nenos e nenas, de 8 a 16 anos, no mundo da programación mediante o uso dunha sinxela interface gráfica, coa que poden crear historias interactivas, xogos e animacións e logo compartir os proxectos creados na rede xa que hai unha gran comunidade ao seu redor. Na web do proxecto Scratch hai un espazo reservado para publicar os proxectos creados, sempre coa licenza Creative Commons Compartir Igual. Isto permite que calquera poida aprender vendo os proxectos doutros e recrealos, modificándoos ou engadíndolles novas características. Ademais, hai tamén un portal web adicado ao uso de Scratch pola comunidade educativa: ScratchEd

Con estes ingredientes, o uso deste aplicativo permítelles as rapaces aprender, a través do xogo, a pensar creativamente, a razoar sistematicamente, e a traballar colaborativamente, habilidades esenciais para a vida no século XXI.

Scratch é software libre e utiliza a linguaxe LOGO e está desenvolvido polo grupo “The Lifelong Kindergarten group” no Media Lab do MIT (Massachussets Institute of Tecnology).

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal