Mancomún

A Forxa actualízase co rexistro de dous novos proxectos

Mércores, 10 Setembro 2008
O repositorio de Mancomún mantén aberta a inscrición para o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre

ForxaO directorio da Forxa de Mancomún conta dende esta semana con novos proxectos dispoñibles para a súa descarga grazas á labor da comunidade de Software Libre en Galiza. Trátanse, concretamente da tradución ao galego da versión 0.3.2 do xestor de contrasinais para Linux KeepassX e a actualización á versión 0.92b da aplicación de presentacións dinámicas Dynpres.

KeepassX é un xestor de contrasinais do que dabamos conta recentemente en Mancomún, a raíz da actualización da versión libre para Windows Keepass 1.13. A tradución de KeepassX 0.3.2 , compatible coa última versión 0.3.3, foi realizada por Damufo, membro do proxecto Trasno.

Esta tradución podería ser incorporada ao listado de idiomas oficiais da aplicación, posto que, segundo explica Damufo, “xa foi enviada a comezos do mes de setembro aos desenvolvedores do proxecto”. Non obstante, e por se a vía oficial puidese fallar, a tradución atópase xa dispoñible para a súa descarga en https://forxa.mancomun.org/projects/kpxgl/.

Por outra banda, está tamén accesible a actualización de Dynpres. A nova versión 0.92b, desenvolvida polo propio autor da aplicación Manuel Morán, corrixe erros nos arquivos e introduce melloras no arquivo readme.

Dynpres é un Software de Presentación Dinámica (Dynamic Slides Presentation) para realizar sistemas orientados a paneles informativos. Esta aplicación baséase en LaTeX Beamer e está programado en linguaxe bash.

Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre

A Forxa de Mancomún mantén aberta até o vindeiro 31 de outubro a recepción de proxectos para participar no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre en Galiza.

Este galardón, organizado pola empresa galega Igalia co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, a través de Mancomún, así como das tres universidades galegas, outorgará un premio único de 1.000 euros ao mellor proxecto concursante, ao que poderá sumarse un accesit de 500 euros se así o considera conveniente.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal