O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de outubro para os estudantes das tres universidades galegas
Igalia, empresa galega de desenvolvemento de software libre, convoca a terceira edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con software libre. Como en anteriores anos, o concurso premiará ao mellor traballo desenvolvido con software libre que, concorrendo como inscrito na convocatoria do galardón, tivese sido presentado como Proxecto Fin de Carreira (PFC) nalgunha escola ou facultade de Galicia durante o ano académico 2008/2009.Mancomún, como entidade colaboradora en representación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, habilitará a Forxa para a inscrición e publicación de todos os proxectos participantes, permanecendo estes accesíbeis á análise e estudo de calquera persoa interesada.
Deste xeito, o Premio buscará fomentar o achegamento e coñecemento dos universitarios galegos sobre o software libre, ao tempo que promoverá o emprego de calidade baseado nas tecnoloxías da información e da comunicación.
A inscrición deberá realizarse antes do vindeiro día 30 de outubro na web de Igalia, a través desta ligazón. Poderá participar calquera estudante dalgunha das tres universidades galegas que defenda o seu PFC cunha nota mínima de 5.0 nalgunha das convocatorias do ano académico 2008/2009. Ademais, entre outros requisitos, o proxecto deberá rexistrarse na Forxa de Mancomún no tópico creado ex profeso para o premio.
O proxecto gañador será premiado con 1000 euros, e poderá decidir o xurado a concesión dun accésit de 500 euros. Esta resolución terá lugar durante a terceira semana de novembro no salón de actos da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, campus de Ourense.
Como membros do xurado participarán dúas persoas da empresa Igalia, o coordinador do Centro de Referencia de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleato (ou persoa na que delegue), e representantes das tres universidades galegas.
Na iniciativa colaboran, ademais de Mancomún, as tres universidades galegas.
Creando comunidade
Igalia promove esta iniciativa, por terceiro ano consecutivo, coa idea de incentivar entre outros aspectos a actividade da comunidade galega do software libre, tal e como se especifica na propia web do Premio: "canto antes o inscribas e maior actividade teñas nos repositorios públicos, maiores posibilidades terás de gañar".
Proba disto é que o pasado ano o xurado do Premio fallou a favor dun aplicativo desenvolvido por Miguel Álvarez Úbeda, “Ferramentas de análises de redes”, valorando precisamente a súa integración previa no proxecto gvSIG como extensión non oficial. O proxecto ofrecía unha ferramenta que estendía a funcionalidade de gvSIG para permitir facer cálculos de análise de calquera rede. Por exemplo, do que podería ser a rede de estradas, a rede eléctrica ou a rede de abastecemento de auga.
Na pasada edición, o xurado tamén decidiu conceder un accésit a Orlando García Feal co proxecto Katmus, así como unha mención de honra, sen dotación económica e non recollida ao inicio do premio, a Diego Pérez Montes polo proxecto ASTRA.
Os tres proxectos premiados poden ser consultados na Forxa na categoría dos PFC 2008, xunto cos outros tres traballos participantes.
