Por medio dunha carta aberta, a FSF pídelle a Google que libere o codec de vídeo VP8 e que lle dea un impulso para a súa estandarización empregándoo en Youtube.
Coa compra da compañía de tecnoloxía de compresión de vídeo On2, Google posúe actualmente tanto o maior sitio de vídeos da web (YouTube) como todas as patentes de vídeo detrás dun novo codec de alto rendemento – o codec VP8. Segundo a FSF abondaría con que Google liberase este codec cunha licenza irrevogablemente libre de regalías e ao tempo promovese o seu uso entre os usuarios de YouTube para acabar coa dependencia respecto dos formatos de vídeo baseados en patentes e o uso de software privativo (Flash) na web.
Segundo lle explica a FSF a Google na carta, isto sería moi beneficioso para a comunidade. O mundo tería un novo formato libre non comprometido polas patentes de software. Os espectadores, os creadores de vídeo, os desenvolvedores de software libre, os fabricantes de hardware – todos – terían outra maneira de distribuír vídeo sen patentes, cotas nin restricións. Para a FSF Google ten a suficiente influencia para converter este formato libre nun estándar global.
Na mesma carta, pídenlle a Google que ademais de ofrecer este formato de vídeo libre en YouTube,
tamén faga uso da súa capacidade para estimular o apoio aos formatos libres por parte dos navegadores de usuario. Entre todas as posibles maneiras de facer isto a FSF dille que a súa favorita sería que YouTube mudase de Flash aos formatos libres e HTML, ofrecendo aos usuarios con navegadores obsoletos un engadido ou un novo navegador (software libre, por suposto). Poñen como exemplo o acontecido coa decisión de Apple de non incluír Flash no iPhone e o IPAD, o que levou aos desenvolvedores web a facer as súas páxinas accesibles con alternativas libres de Flash.
A FSF lémbralle a Google que gran parte do seu éxito débese ao movemento do software libre e á web libre, polo que pídelle que demostre a súa preocupación polo software libre tomando medidas enérxicas para substituír Flash cos formatos libres e estándares. Os codecs de vídeo con patentes xa fixeron un dano incalculable á web e aos seus usuarios. Debido ao custe que tiña incorporar estes formatos con patentes nos navegadores unha peza de software propietario (Flash) converteuse no estándar de facto para vídeo en liña. Mentres non se estenda o uso dos formatos libres, a ameaza de demandas de patentes e dereitos de licenza cérnese sobre todos os desenvolvedores de software, creadores de vídeo, fabricantes de hardware, … incluíndo a Google.
Fonte: FSF
