Mancomún

A FSFE decidirá en Madrid a súa estratexia de futuro a favor do software libre

Mércores, 17 Xuño 2009

O equipo español celebrará posteriormente un acto aberto a toda a comunidade co propósito de promover as súas liñas de acciónFSFE

A Fundación de Software Libre en Europa (FSFE) decidirá en Madrid o vindeiro 20 de xuño a súa nova estratexia de futuro de cara á promoción das tecnoloxías libres. Farao con motivo da celebración da Asemblea Xeral anual da entidade, na cal se incidirá, nesta ocasión, na importancia de afondar en novas vías de acción, dado os “acontecementos rexistrados recentemente en España sobre o software libre” e que, segundo asegura o equipo español da FSFE, “puxeron a cuestión da liberdade de software no punto de mira dos medios de comunicación e da sociedade en xeral”.

Neste contexto, o equipo español da FSFE, preocupado ante estes incidentes, convocou tamén, posteriormente á conclusión da Asemblea Xeral, unha reunión aberta dirixida a todas as persoas interesadas no software libre e en participar activamente na súa promoción en España e en Europa.
Este encontro terá lugar na residencia A Cristalera da localidade madrileña de Miraflores de la Sierra ás 16:30 horas, e nel presentaranse os obxectivos, os procedementos e a axenda de traballo para os vindeiros meses. Acto seguido, celebrarase unha mesa redonda con todos os asistentes para debater sobre o desenvolvemento dos próximos pasos.

Por outra banda, está programado que os asistentes a esta reunión se unan posteriormente, nun acto máis distendido e lúdico, cos membros da Asemblea Xeral da FSFE para que poidan compartir ideas e experiencias sobre aspectos do software libre.

Con esta iniciativa preténdese preparar a presentación oficial do equipo español da FSFE, previsto para o vindeiro mes de novembro; ao tempo que se busca fortalecer o equipo de colaboradores existente en España e dar a oportunidade de entrada a novos membros.

Fonte: FSFE

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal