Mancomún

A Fundación da Calidade aposta por fomentar a reutilización da información no sector público

Venres, 13 Marzo 2009
  • O proxecto, presentado pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, achega un modelo conceptual aplicábel ás administracións públicas
  • O documento resultante, “Manual para a reutilización da información nas Administracións públicas de Galicia”, é pioneiro en España 

Reutliz@A necesidade de transferir e compartir o coñecemento, un dos principios fundamentais que sustentan a filosofía do software libre, é a base sobre o que a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia acaba de pór en marcha Reutiliz@. Trátase dun proxecto orientado ao reaproveitamento da información pública, enmarcado no programa do Plan Avanza, na convocatoria realizada no ano 2007 sobre contidos dixitais.

O proxecto consistiu na elaboración dun detallado estudo en torno á produción de información no ámbito das administracións públicas e a súa análise para a definición dun modelo que permite aproveitar, en termos de impacto económico e social, o valor potencial da información, tendo en conta os dereitos da cidadanía e das empresas nas súas relacións coa Administración.

O resultado plasmouse nun manual de reutilización, pioneiro no Estado, e que se estrutura en dous apartados. O primeiro deles reflicte as características dos ámbitos susceptíbeis de aplicación, así como casos de éxito postos en práctica noutros países europeos (Reino Unido, Irlanda, Dinamarca…) e en España (Centro de Documentación Xudicial, Centro Nacional de Información Xeográfica ou Axencia Estatal de Meteoroloxía).

O segundo dos apartados destínase integramente á definición dun modelo conceptual proposto para o tratamento sostíbel da información e dun piloto de implantación na propia Fundación. Para isto abordánse en profundidade todos os estándares de catalogación e categorización, os estándares de metadatos ou os estándares abertos de interoperabilidade semántica (.ODF, OOXML), así como a análise de licenzas tipo para a reutilización de documentos . Todo isto perfectamente contextualizado no marco legal vixente.

Compartir coñecemento ao amparo da lei

Un dos criterios nos que incide o Manual elaborado é o da necesidade de estebelecer un modelo de uso de licenzas, que “a ser posíbel estarán dispoñíbeis en formato dixital e poderán ser procesadas electronicamente”.

Segundo isto, o documento recolle integramente nun anexo un listado detallado de todas as licencias específicas de sofware libre xunto con unha pequena descrición  delas e a ligazón onde se pode atopar máis información sobre cada unha delas.

As conclusións do Manual sinalan, a este respecto, as licenzas Creative Commons como a opción máis recomendábel para o licenzamento de documentos na administración, dado “a súa gratuidade, as súas posibilidades combinatorias e o feito de que actualmente son as máis empregadas”. Excluíndo, sen excepcións e pola propia normativa vixente, a existencia de contratos ou licenzas de carácter exclusivo que restrinxan o acceso por parte de terceiros á documentación obxecto de reutilización, aínda que “se estudará a aplicación de taxas públicas” dependendo dos usos que se vaian outorgar.

Reutilización da información

A reutilización da información do sector público consiste no uso de documentos que foron xerados polos organismos das administracións públicas no desenvolvemento da súa actividade por parte das persoas físicas ou xurídicas, con fins comerciais ou non comerciais.

O sector público produce unha gran variedade de información relativa a diferentes materias, como información social, económica, xeográfica, meteorolóxica ou turística e sobre empresas, patentes, etc., que é potencialmente reutilizábel pola cidadanía e pola industria xeradora de contidos dixitais e accesíbel pola sociedade, dadas as posibilidades de acceso que proporcionan os medios telemáticos.

A actividade de reutilización emprégase para fins moi profesionais, información xurídica e empresarial dende hai tempo, mais para facilitar o seu desenvolvemento noutros campos a Unión Europea publicou a Directiva europea (2003/98/CE) sobre reutilización da información do sector público que xa está trasposta á lexislación estatal española, na Lei 37/2007, de 16 de novembro.

O fomento da reutilización da información pública ten impacto económico ao facilitar lles a creación de novos produtos utilizábeis polo sector das tecnoloxías da información e da comunicación para engadirlle valor e ademais para promover a transparencia da actividade pública, a cultura democrática e a transferencia de coñecemento á sociedade.

Esta iniciativa, está integrada dentro do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que estabelece directrices claras para potenciar o libre acceso ao coñecemento e á documentación xerados polas administracións públicas galegas a través de iniciativas específicas coma a IeCA-LA2-I2: Estandarización e etiquetado dos contidos públicos e CES-LA2-I4: Acceso libre aos contidos de orixe pública.

Fonte: Sociedade da Información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal