Esta tarde, ás 19:00 horas, a Fundación Garum presenta na galería Sargadelos en Santiago de Compostela, o seu proxecto Bazar, o primeiro software desenvolvido pola propia Fundación co obxectivo de xerar novos mercados transnacionais para pemes. A presentación conta coa colaboración da start-up compostelana Cilenis, especializada na Enxeñería Lingüística e no Procesamento de Lingua Natural.
Bazar é un aplicativo desenvolvido pola Fundación Garum. É software libre, publícase con licenza GPL3, ten unha estrutura distribuída e serve para xerar mercados. O seu principal obxectivo é favorecer a compra e venda nun entorno similar a unha rede social entre empresas. A idea fundamental é permitir que pequenas empresas e emprendedores atopen novos mercados a escala global nunha contorna confiable e sen os custos da internacionalización física.
En Bazar cada empresa ten a súa ficha, publica as súas noticias, busca empresas que poidan estar interesadas nos seus produtos ou que lle provean con confiabilidade a mellores prezos. Pero a diferenza doutras redes sociais, Bazar está limitado a empresas e a grupos e asociacións de empresas. Por iso o corazón de Bazar é un sistema de ofertas e pedidos optimizado para axudar a cada empresa a atopar novos clientes, distribuidores e provedores. Ademais incorporará módulos de rating, e-learning, arbitraxe, mensaxería interna, publicación de contidos e moitos máis.
Bazar ten unha estrutura distribuída o que significa que a información e os datos non dependen dunha empresa ou institución centralizadora externa. Cada instalación de Bazar é unha rede distribuída de empresas baseada na confianza. O resultado global é unha rede distribuída de «bazares», de instalacións autónomas con infraestrutura propia que se interconectan pondo en contacto a clientes e provedores en todo o mundo. Bazar serve pois para construír «bazares» que se unen, dende o primeiro día, nun único gran mercado global.
En poucas palabras: Bazar é un xerador de mercados que serve ás empresas e os emprendedores para aumentar as súas vendas e mellorar as súas estratexias de compras, á vez que lles facilita establecer alianzas, coñecer mellor o seu sector e situarse en mercados internacionais vendendo desde o primeiro día.
Segundo se pode ler na páxina do proxecto, ao tratarse dun produto con licenza libre, hai unha comunidade de desenvolvedores, alimentada e animada pola fundación, innovando e mellorando as funcionalidades permanentemente. Por iso as empresas locais de desenvolvedores poden dar servizo sobre Bazar e desenvolver, sen custos e con todo o apoio, novas funcionalidades para necesidades específicas. En consecuencia, investir nunha instalación de Bazar para un cluster de empresas ou unha asociación empresarial significa que o diñeiro e o I+D quedarán e desenvolverán no local.
É posible comprobar o funcionamento deste software na demostración de Bazar da Fundación, aínda que polo momento para ter acceso é preciso solicitar o rexistro a través do correo electrónico.
Aínda que por suposto unha boa oportunidade para coñecer de primeira man este software é asistindo o Martes 7 de xuño ás 19:00 horas á presentación de Bazar a cargo de membros da Fundación Garum na galería Sargadelos – Rúa Nova 16, Santiago de Compostela. No anuncio indican que serán benvidas tanto empresas como emprendedores, entidades de apoio ao emprendedor e, en xeral, calquera persoa interesada nas redes, nas empresas, nos mercados globais e o software libre.
