O dominio Linux.com xa non é, dende o pasado día 3 de marzo, propiedade de Sourceforge . A Fundación Linux adquiriuno recentemente co propósito de construír en torno a este sitio unha comunidade que fidelice co novo contido editorial e para a que se desenvolva todo un conxunto de ferramentas. A entidade sen ánimo de lucro dedicada a acelerar o crecemento de Linux manterá, non obstante, o contacto con SourceForge, colaborando na achega de publicidade.
O novo sitio pasará nos vindeiros meses de ser unicamente unha fonte de novas a transformarse nun sitio de colaboración “para a comunidade e pola comunidade”. Seguindo o espírito do software libre Linux.com basearase na comunidade para crear e impulsar o contido e a conversa. Deste xeito, aínda que a Fundación Linux será o anfitrión do foro de colaboración, este estará aberto a expertos e a iniciados no uso de Linux.
Asemade, o sitio ampliará o contido xa existente no enderezo www.linuxfoundation.org, fornecendo importantes contidos, ferramentas e servizos para todo o grupo.
O director executivo da Fundación Linux, Jim Zemlin, asegurou “estar encantado de engadir Linux.com á lista de recursos ao servizo da comunidade Linux”. En relación ao compromiso acadado entre a súa entidade e a anterior empresa propietaria do dominio, afirmou que “SourceForge está demostrando con este acordo o seu compromiso con Linux e coa comunidade de código aberto con este acordo”
Actualmente A Fundación Linux ten en marcha a iniciativa “IdeaForge”, destinada a recoller as opinións e as ideas da comunidade de persoas usuarias de Linux no futuro enderezo da páxina.
Fonte: Fundación Linux
