A Conselleria d’Infraestructures i Transport da Generalitat Valenciana acaba de publicar -en inglés e en español- a memoria do proxecto de migración a software libre "gvPontis"(2004-2008). Este documento recolle a descrición de todas e cada unha das fases que configuraron ata o 2008 o procedemento de erradicación, practicamente integral, de calquera sistema privativo nos Sistemas de Información da Consellería de Infraestrutura e Transporte (CIT).
De xeito extenso e detallado, o informe documenta a análise da situación inicial previa na Consellería, as conclusións derivadas desta e toda a planificación posterior para un proceso de migración que requiriu catro anos de traballo.
Os antecedentes do proxecto gvPontis localízanse, pois, en 2003, ano no que se produciu, segundo explica no prólogo do libro o xefe do Servizo de Organización e Informática, Martín García, “un incremento substancial do custo en licenzas que resultaba insustentábel, posto que a este se dedicaba a meirande parte do orzamento”. Foi isto o que orixinou a proposta para o plan de migración, do que participaron a Consellería, a Universidade de Valencia, a Universidade Politécnica de Valencia e algúns pequenas empresas do sector, entre outros.
O proxecto adquiriu tal magnitude e complexidade – o número de traballadores que empregan os distintos sistemas de información ronda o milleiro- que é considerado hoxe, unha vez concluído todo o plan con satisfacción, un “caso de éxito”.
A memoria do proxecto estrutúrase nos tres ámbitos nos que se dividiu a migración: “Desenvolvementos corporativos e Web”, “Sistemas Operativos e Comunicacións” e “SIX e CAF: gvSIG”.Asemade, están dispoñíbeis na páxina web do proxecto (www.gvpontis.gva.es) todos os informes que se foron realizando ao longo da migración.
Cómpre sinalar que no marco desta migración xurdiron proxectos libres de gran popularidade como, por exemplo, gvSIG.
Fonte: gvPontis
