En tempos de crise económica, como os que estamos a vivir nestes momentos, case ninguén se libra de ter problemas financeiros de maior ou menor repercusión. O software libre tampouco é alleo a esta situación, ata o punto que a GNOME Foundation acaba de comunicar que precisa axuda económica a medio prazo para garantir a continuidade do bo traballo que están a desenvolver. Por isto están tratando de conseguir axudas e doazóns de toda a comunidade con iniciativas coma o caso de Friends of GNOME, onde calquera persoa pode doar 10 $ para contribuír á remuneración dos principais desenvolvedores de GNOME.
Que a GNOME Foundation estea pasando por atrancos económicos é unha moi mala nova para a comunidade do software libre, xa que GNOME é un dos dos escritorios máis empregados nos sistemas GNU/Linux, entre eles o Galinux.
A GNOME Foundation ten dispoñíbel publicamente o seu orzamento, para quen desexe consultalo, na súa rolda de correo.
A GNOME Foundation é unha organización sen fins lucrativos, con sede en Cambridge (Estados Unidos) e que se encarga da coordinación do proxecto GNOME. Esta organización traballa para crear unha plataforma informática para o seu uso polo público en xeral e que sexa completamente libre.
Para conseguir este obxectivo, este organismo coordina o lanzamento das versións de GNOME, determina que proxectos son parte de GNOME e actúa como a voz oficial do proxecto, proporcionando unha canle de comunicación coa prensa e con organizacións comerciais e non comerciais, interesadas neste. Tamén se dedica a producir material didáctico e documentación de axuda sobre GNOME.
