Dende GPUL informan que a decisión xa está tomada e que finalmente a GUADEC 2012 celebrarase en A Coruña.

Como recordaredes, hai pouco máis dun mes informábamosvos de que GPUL presentaba candidatura para organizar a GUADEC do vindeiro ano, a conferencia internacional dos desenvolvedores de GNOME.
A semana pasada, ao fío da participación dun membro de GPUL no Desktop Summit 2011, comentabamos que pronto se coñecería a decisión final da Fundación GNOME a este respecto, e efectivamente o anuncio fíxose público onte a través das redes sociais.
O traballo de GPUL non rematou coa presentación da candidatura o pasado 8 de xullo, senón que durante este mes sucedéronse as reunións, as campañas para darse a coñecer, … que tiveron a súa recompensa finalmente, no Desktop Summit que se está celebrando estes días en Berlín, onde se deu a nova na que A Coruña foi elixida fronte a cidades con tanta importancia e respaldo como Brno ou Lyon, para a organización deste evento.
Dende GPUL agradecen ao grupo de persoas, liderado por Chema Casanova, que confeccionaron a candidatura e que a defenderon nestas semanas.
Dende logo queda por diante un arduo traballo que se irá desenvolvendo nos próximos 11 meses. Segundo recoñecen dende GPUL, o orzamento para organizar este evento dá un pouco de vertixe, pero iso non é o esencial. O esencial é o equipo humano, como veñen demostrando nos máis de 10 anos de vida da asociación. Ademais contando coa inestimable axuda da xente de Igalia, de GHANDALF, os propios voluntarios de GNOME, e doutras organizacións, GPUL está seguro de poder levar a bo porto a empresa que lles veñen de encomendar. Dende aquí unímonos ás felicitacións e ánimos ao equipo.
