Mancomún

A III edición do Máster en Software Libre abre o prazo de inscrición extraordinaria

Xoves, 3 Setembro 2009

Os interesados en participar na terceira edición do Máster en Software Libre que non puideran preinscribirse o pasado mes de xullo, poderán facelo agora ata o vindeiro 18 de setembro no prazo de inscrición extraordinaria que os organizadores do curso -a empresa Igalia e a Universidad Rey Juan Carlos– anunciaron onte. Esta solicitude de matrícula deberá realizarse a través da propia páxina web do Máster antes da data límite.

A terceira edición do Máster de Software Libre impartirase a partir do mes de outubro na Coruña, recuperando a sede do primeiro ano, despois de ter pasado neste último curso pola cidade de Vigo. As clases terán lugar os venres pola tarde e os sábados pola mañá.

O curso ten un custo de 7.000 euros, pero grazas á política de descontos introducida nesta edición, é posíbel acceder a el por unha contía de 2.200 euros -tendo en conta descontos e prácticas remuneradas de ata 2.000 €. Poderán optar a estes descontos varios colexios profesionais adheridos, asociacións de Software Libre galegas ( GHANDALF, GLUG, Agnix, Ousli e GALPon), empresas asociadas a AGASOL ou estudantes titulados nos últimos dous anos.

O plan de estudos ten un enfoque práctico-técnico e oriéntase a recentemente titulados e profesionais TIC que desexen mellorar as súas capacidades para xestionar, analizar e colaborar en proxectos internacionais de Software Libre. Para isto fomentarase a asistencia a congresos internacionais e o traballo en grupo durante o desenvolvemento da docencia. Os obxectivos do Máster plasmaranse nun proxecto final de carácter práctico dirixido por un titor.

O programa artéllase en cinco módulos : Introdución ao software libre; Integración e administración de sistemas con SwL; Desenvolvemento en contornos web con SwL; Desenvolvemento en contornos desktop/mobile con SwL; e Estudo de comunidades de SwL.

Segundo José María Casanova, coordinador do Máster, as claves do bo funcionamento da iniciativa residen na internacionalización, a calidade docente e a metodoloxía de ensinanza: “Os estudantes están dende o primeiro día xogando coa tecnoloxía, durante as clases tratamos de fomentar a súa independencia, que aprendan a buscar solucións. Ademais, coa asistencia a congresos e charlas maxistrais teñen a oportunidade de coñecer ás persoas máis relevantes do mundo do software libre”.

En canto ás taxas de emprego e impacto do Máster, o seu coordinador mantén que “o software libre é un contorno de traballo con máis demanda de persoal cualificado que oferta dispoñíbel. Neste momento, o 100% dos estudantes da primeira edición están traballando en temas relacionados cos contidos do Máster. Por outro lado, están en proceso de creación dúas empresas de servizos e unha asociación relacionadas co software libre”.

Fonte: Máster de Software Libre

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal