Mancomún

A iniciativa “Tecnoloxía e Software Libre nos Centros Penitenciarios Galegos” chega aos internos do centro de inserción social “Carmela Arias y Díaz de Rábago” de A Coruña

Luns, 21 Outubro 2013

Dende hoxe, 21 de outubro e ata finais deste mes, 6 internos do centro de inserción social “Carmela Arias y Díaz de Rábago” de A Coruña recibirán formación en novas tecnoloxías e software libre da man dun voluntario da asociación de usuarios GNU/Linux de Ordes que colabora nesta ocasión coa asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), promotora desta iniciativa en colaboración co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia.

A asociación Melisa está a prestar dende o mes de Xullo a súa colaboración á iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” do Programa Voluntariado Dixital. Esta actividade forma parte das actividades que esta asociación desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración para o fomento do software libre asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Este terceiro obradoiro da iniciativa desenvolverase dende o 21 de outubro ata o 31 de outubro na aula CeMIT da Biblioteca Pública Miguel González Garcés.
O proxecto, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre a 70 reclusos dos sete centros penitenciarios existentes en Galicia, a fin de promover a inserción laboral dos asistentes, ofrecéndolles formación eminentemente práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e do software libre.

Tras arrancar en xullo no Centro Penitenciario de Monterrroso e nas dúas primeiras semanas de outubro no Centro de Inserción Social (CIS) “Carmen Avendaño” de Vigo, o programa continúa agora no Centro de Inserción Social de A Coruña Carmela Arias y Díaz de Rábago", no que seis internos recibirán formación en TIC e software libre.

No mes de novembro desenvolveranse outros catro obradoiros nos restantes centros penitenciarios participantes nesta iniciativa: Teixeiro, A Lama, Pereiro de Aguiar e Bonxe.

O Centro de Inserción Social “Carmela Arias y Díaz de Rábago”

O Centro de Inserción Social de A Coruña – Carmela Arias y Díaz de Rábago conta con 150 habitacións dobres, que albergan aos internos que se encontran en proceso avanzado de reinserción ou que cumpren pena en réxime aberto. O centro dispón de aulas, biblioteca, zona deportiva e zona de atención sanitaria, ademais dun edificio para comunicacións con familiares e avogados.

O complexo o completa o edificio destinado aos servizos sociais penitenciarios, que velan polo cumprimento das penas alternativas e fan seguimento das persoas en liberdade condicional.

O CIS de A Coruña leva o nome da Condesa de Fenosa e presidenta da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Carmela Arias y Díaz de Rábago, en recoñecemento á súa contribución e apoio aos programas de reinserción de internos desenvolvidos nos centros penitenciarios galegos.

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide

Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MELISA, constitúese formalmente a finais do ano 2008, como resultado das inquedanzas de varios veciños de Melide, amantes da cultura libre e da tecnoloxía en xeral, e están a desenvolver múltiples actividades de difusión e promoción do software libre, alcanzando diferentes sectores sociais; educativo, empresarial, administración, etc.

MELISA é unha asociación adherida ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e presta apoios dixitais en cinco actividades de fomento do software libre en Galicia. Ademais, está asociación tamén colabora do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia e asinou un acordo coa Amtega para a difusión do software libre en Galicia no que se inclúe esta actuación nos centros penitenciarios galegos.

Fonte: AMTEGA

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal