- Roberto Brenlla, convidado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, pechou a retransmisión ás 20 horas
- Mancomún patrocinou por segundo ano este consecutivo este evento, co que se recadaron fondos para a distribución de alimentos entre a poboación menos favorecida en Brasil
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, retransmitiu o pasado venres o encontro de carácter internacional BrOffice 2008 co propósito de achegar, unha vez máis, ás comunidades lusófonas de software libre e acadar, así, coa unión de esforzos a optimización de obxectivos comúns. O evento, grazas a colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia, puido seguirse en tempo real dende as 14:30 até as 20:00 horas. Tempo durante o cal os asistentes ao acto tiveron ocasión de interactuar coas persoas participantes no resto de cidades conectadas, así como con relatores de prestixio como Louis Suares-Potts ou Claudio F. Filho .
Roberto Brenlla, convidado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, pechou a retransmisión dende Galiza cunha breve intervención na que valorou a situación actual do software libre na nosa comunidade e na que incidiu no compromiso da Administración Galega na súa aposta polas tecnoloxías libres e abertas.
Mancomún patrocinou, por segundo ano consecutivo, este evento de carácter e alcance internacional no que participaron preto de 2500 persoas repartidas entre 27 cidades en Brasil, ademais dos puntos en Portugal, Paraguai e Galiza. Cada unha destas inscricións trocaranse por un quilo de alimentos non perecedoiros, atendendo á idea de que a “suite ofimática brasileira libre é alén dunha solución tecnolóxica unha cuestión social”.
A intervención galega no BrOffice.org
O III Encontro BrOffice.org 2008, de acordo co espírito colaborativo do paquete ofimático que promove, abriu a participación a calquera persoa asistente ao mesmo. Dende Galiza, Roberto Brenlla, economista e fundador de AGNIX, foi a persoa responsable de transmitir a mensaxe procedente da comunidade galega de software libre, facendo unha pequena valoración do panorama actual.
Segundo explicou Brenlla, “atopámonos a nivel do usuario final, nun estadio aínda moi inicial”. Non obstante, recalcou, que grazas ao esforzo de promoción desenvolvido pola propia comunidade, as empresas e a Administración estanse a acadar grandes resultados en moi pouco tempo.
Asemade, Brenlla conseguiu arrincar o aplauso de todas as persoas que estaban a seguir o acto ante unha cuestión na que lle instaban a opinar sobre o roteiro que debía seguir o Software Libre para facer fronte a Microsoft. Ao que respostou “non o sei nin me importa, é Microsoft o que debe adaptarse, non o Software Libre”. Con estas palabras, seguidas do aplauso e o recoñecemento de todos os asistentes, pechouse a retransmisión dende Galiza.
