A Junta de Andalucía publicou recentemente no seu Repositorio de software libre, as primeiras extensións desenvolvidas dentro do contrato de asistencia corporativa, para o xestor de contidos empresarial aberto Alfresco.
Grazas a isto, calquera organismo da Junta de Andalucía, poderá facer uso destas novas funcionalidades, que inclúen un innovador módulo de copias de seguranza automáticas (backup), unha ferramenta para a recuperación de documentos cando un sistema quede inservíbel, un sistema de navegación por categorías, un sistema de navegación por grupos e outro por asociacións, ademais dun sistema de autenticación LDAP máis flexíbel.
O repositorio de software libre da Junta de Andalucía leva en funcionamento dende febreiro de 2006, en cumprimento da Orde do 21 de febreiro de 2005, sobre dispoñibilidade pública dos programas informáticos da Junta de Andalucía e dos seus organismos autónomos. Neste repositorio publícase o software que é propiedade da Junta, ben por ter sido desenvolvido polo persoal ao seu servizo ou á medida mediante algún contrato subscrito para o efecto, como neste caso.
A Administración andaluza escolleu Alfresco como o seu xestor documental, e ten un contrato coa empresa andaluza Intecna, partner de Alfresco, para proporcionar un Servizo de asistencia avanzada sobre os produtos de Alfresco a todas as consellerías e organismos da Junta de Andalucía. Neste contrato inclúese o servizo de desenvolvemento e adaptación dos produtos ás necesidades destes organismos.
Segundo o director de Sistemas e Soporte de Intecna, Toni de la Fuente, “Alfresco é unha ferramenta que prové moitas características de xeito predeterminado e é fácil de ampliar ou integrar con outros aplicativos. É, sen dúbida, unha opción para considerar en detrimento doutros ECM propietarios. Estamos ante un grande aplicativo, ben construído e de gran flexibilidade”. De la Fuente continua dicindo que “Alfresco converteuse na principal solución ás necesidades de xestión documental demandadas polas Administracións Públicas e empresas privadas como resposta á crise actual”.
Recentemente demos conta na nosa web da decisión da firma Estrella Galicia de confiar na empresa galega Queres, membro da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) para implantar Alfresco, un xestor de contidos baseado en estándares abertos.
Fonte: Gaceta Tecnológica
