Mancomún

A Junta de Extremadura desenvolve novas aplicacións libres de SIX

Xoves, 10 Abril 2008
O pasado día 8 de abril a Junta de Extremadura anunciou que en breve publicará baixo licenza EUPL todas as aplicacións de xestión de recursos de información xeográfica que integra a infraestrutura de datos espaciais (IDE) desenvolvida ao abeiro do Proxecto de Observatorio Territorial do Alentejo e Extremadura (OTALEX), cofinanciado con fondos do INTERREG III e a Junta de Extremadura a través da Dirección General de Urbanismo e Ordenación del Territorio de la Consejería de Fomento.

A decisión de acometer o desenvolvemento da IDE acorde aos esquemas do SwL foi consensuada e referendada polos oito socios do Proxecto OTALEX. A IDE incluirase na forja extremeña desde onde poderá ser descargada libremente e estará dispoñible para formar unha comunidade de desenvolvedores que garanta a constante mellora da súa potencialidade e prestacións.

O obxectivo principal da posta en marcha desta infraestrutura é habilitar un observatorio territorial desde o que apoiar proxectos de desenvolvemento sostible e protección do medio ambiente en áreas rurais de baixa densidade demográfica en Extremadura e o Alentejo. Esta IDE-OTALEX está constituída por un nó central e por nós locais, que se comunican a través de servizos WMS (Web Map Service), CSW (Catalog Service Web), WFS (Web Feature Service) e Nomenclator (busca de topónimos).

Entre as cualidades do proxecto destaca a súa arquitectura distribuída que permite enriquecer a análise xeográfica tanto cos datos aportados polos socios como por outros organismos non asociados xeradores de datos técnicos testados oficialmente. O resultado que se pretende é similar ao que se pode obter con outras ferramentas como Google Maps ou Google Earth, coa vantaxe de que este sistema garante ao usuario o carácter estándar dos datos empleados nesta análise.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal