Mancomún

A Kutruparty espera a 300 personas na Estrada

Venres, 7 Novembro 2008

O encontro incorporará charlas sobre software libre e a web 2.0

Kutruparty 6A Kutruparty, a festa informática que nacía hai xa seis anos na Estrada, regresa con novos bríos. A cita será do 5 ao 8 de decembro no recinto feiral, con catro días intensos para os afeccionados do mundo da informática. A Asociación de Usuarios de Software Libre da Estrada (Auslae), que organiza o evento con apoio do Concello, entidades locais e tamén espónsores de destacadas firmas do sector, ampliou a participación este ano. Así, en lugar das 200 prazas doutras edicións, a sexta Kutruparty, xa considerada polos asiduos como un clásico da escena galega, oferta sitio para 300 participantes.

A metade da cota está xa cuberta, e de novo volverán incondicionais de distintos puntos de Galicia, e outras comunidades autónomas como Cataluña ou Asturias.

Fernando López e Lucas Terceiro, de Auslae, explicaron onte algunhas das novidades da cita, como a zona especial só para consolas de videoxogos, o Kubo, onde se organizarán diversos campionatos. Entre as actividades, volven as charlas sobre software libre ou a web 2.0, e tamén os talleres, con temas como o modding, fotografía dixital ou edición de audio e vídeo, entre outros. Haberá actividades paralelas co cine como eixo, unha mesa redonda sobre o mundo de Apple, agasallos e tamén algunhas sorpresas.

Fonte: El Correo Gallego

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal