Mañá comeza na Cidade da Cultura o maior encontro de tecnoloxías libres, LibreCon 2017 do que xa vos falamos no seu día. Os que queirades asistir aínda estades a tempo para vos inscribir no formulario de rexistro. Estamos na últimas horas antes de comezar o evento.
Queremos destacar, como novidade este ano, que no marco da LibreCon, durante todo o día do venres 20 de outubro desenvolverase o hackatón ‘Librehack‘ , que vén da man de GPUL.
Trátase dun hackatón que ten por obxectivo desenvolver prototipos de interese e que servan para mellorar os procesos da Industria 4.0 e o Sector Primario, todo isto traballando en equipo, coñecendo xente interesante e quen sabe, sementando o xermolo dalgunha futura startup.
Os proxectos deben encaixar nalgunha das seguintes catro categorías: cloud, proxectos que permitan escalar aplicacións industriais ou do sector primario á nube; big data, análise de datos para mellorar procesos de fabricación, a calidade dos produtos, etc.; Internet das cosas (IoT), o uso do IoT para mellorar as fábricas ou a produción agraria; ou a economía colaborativa, proxectos para mellorar a sociedade conectando persoas para colaborar entre elas.
O obxectivo será desenvolver un total de 8 proxectos durante as 11 horas que durará o hackaton, formando equipos entre os participantes segundo os seus intereses e coñecementos. A primeira hora os asistentes exporán as súas ideas, e contarán con 2-3 minutos para captar o interese do resto de asistentes. Logo cada un unirase ao proxecto que máis lle interese e traballarase ombreiro con ombreiro todo o día, con pausa para xantar. Por suposto, dende a organización indican que a participación está aberta a outras habilidades máis alá das dos desenvolvedores. No desenvolvemento dun proxecto hai moitas necesidades a cubrir, como a creación de contidos, a difusión en redes sociais, o deseño e usabilidade así como por suposto atopar o posible modelo de negocio.
Unha vez finalizado o desenvolvemento cada equipo exporá o seu proxecto e haberá tamén premio para os dous mellores equipos/proxectos, para o que se valorará a viabilidade e continuidade do proxecto, o grao de avance do mesmo, a utilidade práctica real, a correcta elección da licenza libre e o desenvolvemento dun modelo de negocio.
Aínda estades a tempo de inscribirvos tamén para participar. Lembrade que a inscrición é independente da da LibreCon.
