Mancomún

A linguaxe de programación libre Scratch está a protagonizar na nosa comunidade a Semana da Programación da Unión Europea

Martes, 13 Outubro 2015
  • O pasado sábado 10, uns trinta nenos e outros tantos profesores compartiron unha xornada no Gaiás aprendendo e gozando da informática a través do Scratch
  • Do 13 ao 16 de outubro, desenvólvese tamén a actividade de formación para docentes “Programación con Scratch”

Cartel do scratch dayEnte o 10 e o 18 de outubro celébrase a terceira edición da Semana da Programación da Unión Europea, iniciativa popular organizada por voluntarios que promoven a programación de ordenadores como método que axuda a mellorar as capacidades de resolución de problemas, a comunicación , a colaboración e a creatividade.

Sumándose a esta iniciativa, o pasado sábado 10 de outubro, arredor de trinta nenos, de entre sete e quince anos, acompañados dun adulto, se achegaron dun xeito lúdico ao mundo da programación con software libre no “Scratch Day”, unha xornada organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Pola súa parte a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enseñaría en Informática (CPEIG) están a desenvolver a actividade de formación do profesorado “Programación con Scratch”, un curso que se está a impartir no CAFI e en todos os CFR. Consta de 16 horas que impartirán especialistas do CPEIG en sesións de 4 horas que comezarán o martes 13 e rematarán o venres 16.
Scratch day

O “Scratch day”, que tivo lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura, buscaba tamén a implicación e a concienciación dos pais neste ámbito para que os rapaces se sintan atraídos pola programación informática, de forma que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor para seguir no fogar.

A xornada tivo como obxectivos xerais eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a contorna de programación libre “Scratch” e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta informática.

Ademais, con esta actividade pretendíase difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.

Ademais, de forma paralela, levouse a cabo unha acción formativa en “Scratch” destinada ao profesorado, no que participaron trinta docentes, dentro do programa “Aprendo programando” incluído no Plan Proxecta, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Formadores
No “Scratch Day” contouse coa participación das asociacións “Programamos”, que impartiu a formación a rapaces e pais, e “Código Octopus”, que contribuíu á formación ao profesorado.
“Programamos” é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundamental é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, desde educación infantil ata formación profesional.

Código Octopus” é unha fonte de recursos en galego para o profesorado con bases en calquera materia que se desexe introducir á programación na docencia. Conta con material para aprender a programar en “Scratch” en Educación Primaria e Educación Secundaria e proximamente para desenvolver proxectos de “S4A: Scratch for Arduino”. Tras este proxecto atópase un grupo de profesorado de tecnoloxía do sistema educativo galego.

Sobre Scratch

Scratch é un aplicativo destinado a introducir aos nenos e nenas, de 8 a 16 anos, no mundo da programación mediante o uso dunha sinxela interface gráfica, coa que poden crear historias interactivas, xogos e animacións e logo compartir os proxectos creados na rede xa que hai unha gran comunidade ao seu redor. Na web do proxecto Scratch hai un espazo reservado para publicar os proxectos creados, sempre coa licenza Creative Commons Compartir Igual. Isto permite que calquera poida aprender vendo os proxectos doutros e recrealos, modificándoos ou engadíndolles novas características. Ademais, hai tamén un portal web adicado ao uso de Scratch pola comunidade educativa: ScratchEd

Con estes ingredientes, o uso deste aplicativo permítelles as rapaces aprender, a través do xogo, a pensar creativamente, a razoar sistematicamente, e a traballar colaborativamente, habilidades esenciais para a vida no século XXI.

Scratch é software libre e utiliza a linguaxe LOGO e está desenvolvido polo grupo “The Lifelong Kindergarten group” no Media Lab do MIT (Massachussets Institute of Tecnology).

Estas actividades forman parte do Plan de acción en Software Libre da Xunta de Galicia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal