A publicación sucede á recente presentación do Manual de Localización coordinado por Mancomún
“Traducir (con) software libre” é o título do compendio de artigos sobre localización e tradución de software libre que, baixo a coordinación de Oscar Díaz Fouces e de Marta García González, acaba de publicar a editorial Comares. O libro, acorde coa filosofía que predica nos seus artigos, está editado baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza 3.0.
O recopilatorio de artigos foi forxado na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, á que pertencen os coordinadores da obra. Segundo eles mesmos explican na introdución do libro, a motivación do proxecto derivouse do incremento exponencial das oportunidades creadas para os profesionais da xestión lingüística debido aos procesos de globalización do mercado e ao desenvolvemento acelerado das novas tecnoloxías da información.
O obxectivo fundamental radica pois en estimular a curiosidade de tradutores e docentes cara a este ámbito, así como ofrecerlles un bo número de pistas para incorporar os produtos libres aos seus respectivos espazos profesionais.
Nos capítulos que conforman o presente volume, preténdese achegar unha perspectiva xeral sobre o software libre no ámbito da tradución, tanto desde o plano profesional como desde o formativo. Para iso, preséntanse recursos e instrumentos libres, así coma experiencias e propostas prácticas para ambas dimensións. Ademais, inténtase contribuír a sacar á luz o traballo inxente da comunidade de tradutores voluntarios dos proxectos libres, co obxecto de atraer a atención da comunidade académica.
O libro inclúe referencias de persoas que traducen e localizan aplicativos libres en Galiza, en Cataluña, en Madrid e en Brasil. Nomeadamente, incorpóranse textos de Marcos Cánovas e Richard Samson da Facultat de Ciències Humanes, Traducció i Documentació na Universitat de Vic, Manuel Mata do CES Felipe II na Universidad Computense de Madrid, José Ramom Pichel de imaxin|Software, Felipe Gil Castiñeira da ETSE Telecomunicación na Universidade de Vigo, Claudio F. Filho de BrOffice.org ou Nuria Vidal Castellet da Facultat de Ciències Humanes i Socials na Universitat Jaume I.
Os autores do libro están a preparar xa a segunda edición do texto, que esperan poder completar coas suxestións e contribucións de todos aqueles que desexen participar deste novo proxecto. Para isto poden poñerse en contacto con Óscar Díaz Fouces
Manual de localización de software libre ao galego
Directamente vencellado co campo da tradución de software libre ao galego, Mancomún publicou recentemente unha nova versión do “Manual de localización”. Trátase dun documento que, sobre o consenso de todos os axentes implicados na tradución ao galego de programas de código aberto, pretende facilitar a labor do voluntariado e do colectivo empresarial. Ao tempo que busca acadar a optimización na calidade lingüística das traducións, mediante o estabelecemento dunha metodoloxía de traballo común e dunhas escollas terminolóxicas determinadas.
Este documento está orientado a tradutores consolidados que queiran favorecer os criterios de consenso nas súas traducións; pero tamén para todas aquelas persoas, que desexando iniciarse na localización de software, descoñecen as técnicas e os procedementos requiridos.
O Manual de Localización de Software estrutúrase en dous apartados claramente diferenciados: por unha banda, o de técnicas de localización, e por outra, os criterios lingüísticos. Segundo isto, o documento comeza coa introdución e descrición das distintas técnicas existentes (aplicativos- Kbabel, Gtranslator, LoKalize…-, estándares – XLIFF, TMX, PO…) para pasar, detalladamente, á definición de criterios lingüísticos de estilo, ortotipográficos, morfosintácticos e terminolóxicos.
O documento está publicado baixo licenza recoñecemento-compartir baixo a mesma licenza. 3.0. e accesíbel a través da web de Mancomún.

