A NASA en colaboración con Google publica o código fonte da misión Apollo 11

O software de código aberto leva anos facendo incursións nas axencias federais dos EE.UU. Esta aposta polas tecnoloxías abertas fíxose máis patente aínda cando o pasado mes de xaneiro o Departamento de Defensa americano creou unha forxa interna, Forge.mil, para aloxar o software de código aberto para o uso do goberno.
Agora, a medida acaba de ser recoñecida como de éxito pola NASA, que para non quedar atrás, desenvolveu o seu propio repositorio cunha ampla gama de software dispoñíbel “como un elemento esencial de resposta ás necesidades das misións da NASA”.
Segundo explican na presentación do proxecto, son varias as razóns que levaron á institución a promover o desenvolvemento de aplicativos propios. Por unha banda destacan o valor da comunidade tanto para aumentar a calidade da NASA e dos seus produtos informáticos mediante a revisión plural, como para acelerar o desenvolvemento de software a través das contribucións da comunidade.
Por outro lado búscanse propósitos de repercusión social, coa idea de tratar de maximizar o impacto da toma de conciencia e de investigación da NASA e de aumentar a difusión do software da Nasa como apoio á súa misión educativa.
Actualmente o repositorio conta cun total de 23 proxectos en desenvolvemento de diversa índole. Algúns deles amosan un enfoque bastante innovador. Por exemplo, Big View é un aplicativo interactivo que permite facer zoom e panorámicas de imaxes de tamaño arbitrario nos Pcs de sobremesa con Linux.
Outros, como Livingstone2, teñen moi pouca aplicación alén da NASA, pero resulta atractivo de calquera forma. Neste caso, Livingstone2 "é un aplicativo reutilizábel de intelixencia artificial (IA) deseñado para axudar ás naves espaciais, a sistemas de soporte vital, a plantas químicas e outros sistemas de complexidade a operar efectivamente cun mínimo de supervisión humana." Quizais non sexan moitos -ou ningún- os desenvolvedores que teñan a man unha nave espacial para probar o sistema, pero é posíbel que o código poida ser aplicado a outros contextos.
O apoio da NASA ao software de fontes abertas
En Mancomún deuse conta en diversas ocasións dos fitos cos que a NASA foi mostrando a súa aposta decidida polo uso de software de fontes abertas.
Tamén onte, con motivo do 40 aniversario da chegada do home á Lúa, a NASA en colaboración con Google publicou o código fonte do módulo de mando e do módulo lunar da misión Apollo 11. Os programas poden executarse por medio do emulador AGC (Apollo Guidance Computer) do proxecto Virtual AGC and AGS, accesíbeis tamén en Google Code.
Este anuncio é relevante para todos as iniciativas en desenvolvemento que buscan ter unha axencia espacial, como é o caso de México e a AEMEX; para aquelas empresas privadas que están interesadas en crear programas de navegación; ou para as universidades e os seus plans académicos de enxeñaría ou similares.
Cómpre tamén destacar que as misións Apollo empregaban un procesador con capacidades por debaixo dos procesadores da maioría dos aparatos electrónicos actuais. É dicir, calquera destes dispositivos da vida cotiá poderían levar homes á Lúa.
Fonte: CNET
