En setembro do pasado ano os membros da, por aquel entón, acabada de nacer, galega A Navalla Suíza adiantaban nunha entrevista a Mancomún que o seu principal obxectivo se centraría en incorporar as últimas tendencias en tecnoloxías abertas á rede galega, para o que “crearían un repositorio propio para liberar todo o código que desenvolvesen”.
Pois o prometido é debeda, así que esta empresa galega, responsábel do desenvolvemento de páxinas web coma QuinTV ou Flocos, está a distribuír xa parte do código dos seus proxectos abertamente, para que calquera poida descargalo e utilizalo para os seus propios proxectos.
Baixo o lema de Investigamos + Desenvolvemos + Compartimos, esta iniciativa supón unha interesante achega ao código aberto e a toda a comunidade de desenvolvemento.
Os primeiros proxectos en publicárense neste contexto son o framework de CSS coñecido como cSans -que facilita a creación de follas de estilo para todos os navegadores web coñecidos, facendo doada a maquetación web en base a un modelo- e phpCan, framework escrito en PHP 5 que facilita a construción de páxinas web mediante unha estrutura ordenada baseada no sistema MVC -Modelo, Vista, Controlador- e que tamén contén un xestor de contidos autoxerado e pode dividir a web en escenas.
Estes proxectos aínda están nunha fase de maduración, e nos vindeiros meses poderá verse non só como evoluciona o codigo destes, senón tamén como se vai enriquecendo a súa documentación e os seus tutoriais, que incluso chegarán a xeito de screencasts -vídeos nos que se fan explicacións paso a paso para instruír sobre o manexo destas novas solucións.
Fonte: Código Cero
