Mancomún colabora no proxecto coa revisión lingüística
A Oficina de Software Libre da USC concluíu esta semana a tradución ao galego do aplicativo multiplataforma de virtualización de código aberto, VirtualBox 3.0. Os ficheiros fonte traducidos, dispoñíbeis xa para usuarios avanzados, non estarán, así a todo, accesíbeis a través do repositorio oficial do aplicativo ata que Mancomún non conclúa o proceso de revisión lingüística á que se comprometeu coa OSL, como entidade colaboradora nesta iniciativa.

O lanzamento desta tradución, iniciada hai uns meses, viuse atrasada con respecto as previsións iniciais debido á publicación de novas versións que se foron sucedendo no transcurso deste proceso, concretamente a liberada o pasado día 30 de xuño coa 3.0, e que obrigaron a readaptar o traballo xa realizado.
Atendendo á provisionalidade desta tradución publicada, a Oficina de Software Libre da USC achega nun arquivo .zip os ficheiros fonte traducidos ao galego (ficheiros .ts), a súa compilación (ficheiros .qm) e a memoria de tradución xerada durante o proceso de localización da versión 3.0.
Dentro deste arquivo comprimido inclúese tamén o ficheiro .po da tradución ao galego de VBoxGtk, un proxecto desenvolvido por Francisco J. Vázquez Araújo, profesor na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que consiste nunha interface gráfica simple para o VirtualBox realizada en Python.
Segundo sinalan os membros da Oficina, estes ficheiros “compártense deste xeito con toda a comunidade para que entre todos se poida depurar o traballo realizado e conseguir, así, unha tradución de calidade”.
A Oficina de Software Libre da USC, creada co propósito de promover o uso do software libre na Universidade compostelá, introduciu a labor de localización no seu plan de accións estratéxicas, a raíz do cal se realizou o Fiadeiro de Localización organizado a pasada primavera -en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE), o Servizo de Normalización Lingüística da USC e Mancomún- e na que se iniciou a tradución do IDE de programación Netbeans.
Nesta ocasión, escolleuse Virtualbox “porque no vindeiro curso, algúns profesores da ETSE van comezar a empregar este aplicativo libre como alternativa aos privativos. A tradución será integrada nos equipos da Universidade que instalen este aplicativo para dar un paso máis na normalización das TIC como recolle o Plan Estratéxico das TIC da USC”, explican.
Sobre estes proxectos de tradución, así como doutros que están en desenvolvemento – por exemplo, a ferramenta multiplataforma CAT (Computer Assisted Translation) OmegaT- incluirase proximamente no wiki da Oficina documentación detallada sobre os proceso de localización levados a cabo.
