A Oficina de Software Libre da USC fai estes días balance na súa web dos dous seminarios que impartiu o pasado mes de xullo no marco dos Cursos de Verán que organiza cada ano a universidade compostelá. Estes cursos, Introdución a GNU/Linux Ubuntu e A revolución do Software Libre, forman parte do programa de accións formativas en software libre que a Oficina está a levar a cabo para cumprir cos obxectivos previstos no plan de actuacións para o ano 2009. O próximo e último curso, neste contexto, será O Software Libre e a Lingüística, que terá lugar no mes de setembro.
No curso "Introdución a GNU/Linux Ubuntu" , que transcorreu na ETSE entre os días 27 e 31 de xullo, tivo unha asistencia de 50 persoas. Sobre estas, segundo sinalaron os organizadores, “destacou unha enorme diversidade na orixe e nos intereses que os levaron a participaren neste curso práctico sobre o traballo diario coa distribución de GNU/Linux Ubuntu”.
Para o desenvolvemento da actividade contouse con cinco profesores que alternaron a súa labor de profesor principal coa de colaborador, axudando aos alumnos que se atopaban con algún problema, que non entendían algún concepto ou que simplemente querían saber máis sobre algo en particular. Os alumnos instalaron a versión de Ubuntu 9.04, dende un USB de 2 GB contra un USB de 8 GB co que se traballou durante toda a semana e que, precisamente, se lle foi entregado a cada un dos asistentes pola súa participación.
A pesar dalgúns problemas técnicos, as valoracións do curso foron moi positivas, cunha puntuación de 4 sobre 5 e unanimidade á hora de recomendaren o curso a terceiras persoas.
No que respecta ao curso A Revolución do Software Libre obtivéronse unha valoracións similares, cunha puntuación de 4.5 sobre 5 e tamén unanimidade á hora de ser recomendado. Os membros da Oficina aseguran que a maioría dos asistentes teñen pensado probar software libre no seu equipo ou no seu ámbito de traballo.
Neste curso participaron membros destacados da comunidade internacional de software libre como Gregorio Robles, Israel Herraiz, Antonio Pérez Casas, Rodrigo Salvador de la Concha, Mario Izquierdo, Juan Rafael Fernández, Roberto Brenlla, Rafael Armendáriz, Xabier Castaño ou Francisco Moreno Peyrona.
