Mancomún

A OSL da UDC difundirá o Software Libre nos centros da Universidade

Xoves, 1 Outubro 2009

OSL da UDCVisto na páxina da OSL da UDC:

“A Oficina de Software Libre (OSL) da UDC ten planificado percorrer a maioría dos centros da Universidade da Coruña coa Oficina Móbil da OSL (OSLM). Esta oficina estará composta por un stand interactivo con diverso material informático no que estarán presentes técnicos da OSL.

A Oficina Móbil ten como obxectivo achegar o software libre aos membros da UDC, mostrando as súas capacidades, vantaxes e posibilidades.

A Oficina Móbil é unha extensión da propia OSL, coa que se trata de achegar os servizos propios deste organismo universitario aos usuarios finais da UDC (alumnos, profesores e persoal laboral).

Entre os servizos que se van a poñer a disposición dos que se acerquen ao stand, poderíanse destacar:

  • Proba en directo e en persoa de equipos con GNU/Linux e toda unha lista de aplicacións libres.

  • Asesoramento en persoa sobre calquera tema relacionado co software libre: alternativas a software privativo, instalación dun sistema operativo libre, manexo de aplicacións libres…

  • Demostracións técnicas de instalación, configuración e uso de ferramentas libres.

  • Axuda na instalación dun sistema operativo GNU/Linux (Ubuntu, Galinux ou calquera outra distribución), de forma que calquera usuario pode acercarse co seu portátil, e os membros da OSL guiaríanos paso a paso na instalación e a posterior configuración.

  • Concursos cos que se pode obter diversos premios.

O obxecto da OSL Móbil é ir percorrendo as Facultades e centros da UDC, estando entre 3 ou 4 días por semana en cada sitio .”
Tendes máis información na nova orixinal na páxina da OSL, onde poderedes atopar os lugares e datas deste percorrido, así como os da edición anterior e máis os ficheiros dos materiais que se entregarán.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal