Mancomún

A OSL da UDC organiza un obradoiro de instalación de Ubuntu

Venres, 1 Xullo 2011

Cartel da install partyA Oficina de Software Libre da UDC organiza o vindeiro día 21 de xullo ás 17:00 unha Install Party de Ubuntu aberta ao público en xeral na Facultade de Informática da UDC. A OSL pretende deste xeito achegarlle á todos os interesados a nova versión do sistema operativo Ubuntu 11.04.

Durante este obradoiro o persoal da OSL axudará e guiará a todos os asistentes a instalar e configurar nos seus portátiles o sistema operativo Ubuntu 11.04 co fin de amosar o sinxelo que é realizar a instalación e a rapidez coa que é posible comezar a desfrutar de todas as súas capacidades e aplicativos, como o navegador web; o xestor de correo electrónico; comunicación nas redes sociais máis estendidas como Facebook, twiter, …; suite ofimática; xestión e retoque fotográfico; reprodutor de audio e vídeo, xogos, … e un innumerable conxunto de aplicativos libres, gratuítos e legais dispoñibles para o seu uso a un simple golpe de rato. Ademais nesta ocasión centraranse en explicar e ensinar o novo contorno de escritorio Unity.
Todo aquel que queira coñecer de primeira man o funcionamento de Ubuntu 11.04 sen medo ao descoñecido e da man de expertos na materia non dubide en inscribirse neste obradoiro gratuíto cubrindo o formulario habilitado ao efecto. Só hai 20 prazas dispoñibles que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

Dende a OSL recomendan que para unha maior seguridade os asistentes realicen previamente unha copia de seguranza dos documentos persoais dispoñibles no computador (documentos, fotos, imaxes, videos…) antes de abordar a instalación dun novo sistema operativo. Aínda que na práctica totalidade dos casos estes datos non son alterados, máis vale previr.

Lembramos tamén que todos aqueles interesados en profundar algo máis no traballo con este sistema operativo teñen a opción de se matricular no curso Traballo diario con Ubuntu da Universidade de Verán organizado pola OSL da Universidade de Santiago de Compostela.

Esta actividade enmárcase dentro do plan de actividades da OSL da UDC ao abeiro do convenio de colaboración asinado pola SXMIT coas 3 universidades e incluído no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal