A Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña vén de publicar na súa web unha nova sección denomina Videomanuais. Con esta nova sección a OSL da UDC pretende ser fiel ao seu obxectivo de axudar aos novos usuarios no seu achegamento ao software libre facilitándolles o cambio cara estas novas tecnoloxías dunha forma áxil e sinxela.
Os videomanuais elaborados pola OSL consisten en vídeos curtos, de menos 10 minutos, nos que se amosa como se realizan pequenas tarefas básicas nos aplicativos libres máis empregados.
Para inaugurar esta sección a OSL pon a disposición de toda a comunidade unha pequena colección de 9 videomanuais formativos sobre o emprego de diversos aplicativos libres, que terá continuidade durante o vindeiro ano:
Aplicativo OpenOffice.org Writer:
- Como inserir unha imaxe nun documento
- Como exportar un documento a PDF
- Como crear un índice
- Como crear un índice con ligazóns
Aplicativo GIMP
- Como quitar os ollos vermellos dunha imaxe
- Como pasar a tonalidades grises unha imaxe
- Como retocar unha imaxe coa ferramenta de clonado
Escritorio GNOME
Elaboraron tamén un videomanual explicando a técnica e metodoloxía empregada para a elaboración destes vídeos de xeito que calquera poida contribuír á creación de materiais formativos que permitan aos novos usuarios superar a barreira do descoñecido e da falta de información na súa lingua:
Por suposto, como non podía ser doutro xeito todos os materiais levan unha licenza libre, concretamente a licenza Creative Commons BY-SA. Para maximizar e facilitar a súa difusión crearon tamén unha canle en Youtube onde están todos os vídeos dispoñibles.
Ademais da creación destes videomanuais subtitularon ao galego os seguintes vídeos de difusión sobre o software libre:
- Conferencia de Richard Stallman (Subtítulos en galego)
- Linux AD – What does it mean to be free? (Subtítulos en galego)
- Linux AD- The Origin (Subtítulos en galego)
Tradución
Á parte desta excelente achega, dende a OSL da UDC publicaron tamén nestes días, a tradución ao galego do cuarto capítulo da banda deseñada “Ubunchu”, un educativo manga xaponés sobre as aventuras de tres estudantes, membros do club de informática do seu instituto, que están a descubrir o mundo de Ubuntu. Esta publicación ten unha licenza Creative Commons BY-NC o que permite que sexa empregada por calquera con só recoñecer a autoría sempre que sexa sen uso comercial.
