A Oficina de Software Libre da USC, xunto coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, organizan o primeiro obradoiro de tradución de software libre "ETSE Open de SL" para a promoción da lingua galega ligada ao impulso na utilización do software libre na USC, cumprindo así varios obxectivos recollidos tanto no Plan de Normalización Lingüística como no Plan Estratéxico das TIC (PETIC) da USC.
Este obradoiro está aberto á participación de toda a comunidade universitaria e ten como obxectivo xeral: promover a participación da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística e de progresiva adopción do software libre na USC.
- Fornecer en lingua galega programas informáticos que se utilizan na docencia da ETSE.
- Facilitar a transición cara ao uso de software libre na ETSE.
- Promover a creación dunha comunidade universitaria a prol do SwL en galego.
- Promover o uso de dinámicas participativas e multidisciplinares a prol da difusión e utilización conxunta do SL e da lingua galega.
- Ofrecer formación específica á comunidade universitaria sobre localización ao galego de SL.
- Ligar o fomento e uso do galego co uso das novas tecnoloxías.
Desenvolverase en dúas actividades diferentes:
- Unha primeira acción formativa de 6 horas de duración cun enfoque eminentemente práctico para achegar aos participantes tanto as bases técnicas como prácticas para abordar proxectos de tradución.
- E unha segunda acción práctica de 9 horas presenciais e 15 virtuais na que se levará a cabo a tradución ao galego dunha escolma de aplicativos libres feita pola ETSE de entre o utilizado na docencia. Esta actividade desenvolverase, de ser posíbel, por equipos ou parellas, de xeito que se axunten persoas con coñecementos e destrezas de tipo técnico e de tipo lingüístico. Os resultados desta actividade terán seguimento e supervisión por parte da organización durante as horas non presenciais, de xeito que os participantes poidan avaliar e mellorar a súa achega efectiva ao produto final así como avaliar e mellorar os seus coñecementos.
Programa:
- Obradoiro formativo de localización: xoves 30 de abril e 7 de maio, de 11-14 h
- Obradoiro de localización: sábado 9 de maio, de 10 a 19 h
- Lugar: ambos na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Aula I6, xunto ao Departamento de Electrónica e Computación do Monte da Condesa
Máis información no cartafol dixital da USC, na seguinte ligazón: Vente á ETSE a localizar Software Libre!
Fonte: OSLUSC
