Mancomún

A OSL da USC sitúa a tradución ao galego do Netbeans no 50%

Xoves, 1 Xullo 2010

A OSL da USC informa que o pasado 15 de xuño publicouse a versión 6.9 de NetBeans, e que pese a non dispoñer de todo o tempo que desexarían, acadaron que o nivel de tradución ao galego deste IDE (contorno gráfico de desenvolvemento) acadase o 50%. A tradución deste coñecido IDE, usado para desenvolver software en diversas linguaxes de programación, comezouse co gallo da I Edición do ETSE Open de SL do pasado ano, e en pouco máis dun ano pasou do 0% ao 50%.


Naquel momento a versión en desenvolvemento de NetBeans, a 6.7, contaba cunhas 290.000 palabras para traducir. O alumnado do fiadeiro, baixo a supervisión da OSL, foi quen de traducir arredor dunhas 25.000 o que supoñía un 8% do total.

Evolución da tradución de NB Posteriormente, a OSL completou a tradución da maior parte da interface gráfica chegando ata o 28% no día do lanzamento da versión oficial, o 29 de xuño de 2009. Dende entón, a OSL continuou con este traballo de tradución nos tempos libres que lle deixan o resto de proxectos nos que está involucrada. E así, a principio do mes pasado acadou o 50% da tradución da IDE.

A día de hoxe o galego é o único idioma no que se están a traducir todos os módulos do NetBeans, pero isto non significa que sexa o máis traducido, simplemente foi unha meta que se soñou e na que se embarcaron os alumnos do fiadeiro e que a día de hoxe leva en solitario a OSL, aínda que agardan poder contar con novos tradutores que se decidan a colaborar coa localización deste IDE.

Sobre o equipo de tradución
A empresa que desenvolve o IDE ten unha sección adicada no seu sitio web para a comunidade. Dentro desa sección teñen habilitada unha zona para as comunidades de tradución na que lle ceden un espazo na wiki e unha lista de correo para xestionar o proxecto. A páxina do equipo galego aínda está en fase de construción pero pouco a pouco vai collendo forma. O proxecto está acollido baixo o paraugas da asociación Trasno aínda que nestes momentos o traballo lévano os membros da Oficina.

Desde a versión 6.8, a tradución levase principalmente a través dunha plataforma web que teñen habilitada para a comunidade, así facilítaselles a tradución ás persoas con menos coñecementos técnicos (a cal ten os seus pros e contras).

Calquera erro que atope na tradución non dubide en envialo, sempre coa máxima información posible para facilitar a súa corrección.

Fonte: OSL da USC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal