Mancomún

A OSL do CIXUG estrea web

Mércores, 26 Setembro 2012

Logo da OSL do CIXUGComo vos vimos contando ultimamente, este é o primeiro ano que as tres universidades do Sistema Universitario Galego contan cunha única Oficina de Software Libre a través do CIXUG. Ata este ano, existía unha Oficina de Software Libre en cada universidade; a OSLUSC, Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela; a OSLUVi, Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo; e a Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña.

Nun paso adiante para centralizar os esforzos e o alcance da promoción do software libre no ámbito universitario, as tres universidades, a través do CIXUG e coa colaboración da Xunta de Galicia, crean a OSLUG, a Oficina de Software Libre das Universidades Galegas, para promocionar o software libre nas tres universidades. Isto sen dúbida permitirá coordinar de forma máis eficaz e efectiva as diversas actuacións de promoción do software libre no ámbito universitario que están recollidas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

Aínda que xa hai un par de meses a OSLUG comezou a súa andaina é agora cando por fin estrea web na rede no seguinte enderezo http://www.cixug.es/osl/oficina/. 

Nestes dous meses estivo principalmente planificando o traballo a realizar ata final de ano para cumprir cos obxectivos adeais de comezar de cheo con algunha de ditas actividades:

  • A presentación do servidor de réplicas do CIXUG
  • As xornadas de software libre na empresa na USC
  • A proposta de cursos que ofertará ao PAS da Uvigo
  • A colaboración na localización ao galego da versión 3.6.1 de LibreOffice
  • A colaboración na localización ao galego da versión 15 do Firefox

Segundo nos contan dende a propia OSLUG o portal é un sitio web moi sinxelo que forma parte do portal do CIXUG que polo momento nace cunha serie de seccións ás que se unirá máis adiante unha sección de novas. Agora mesmo podedes atopar información relevante da OSL como os datos de contacto e información relativa a parte dos proxectos que se van levar a cabo. Entre este podemos destacar

  • Actividades de difusión: destacando a celebración dunha xornada específica sobre software libre en cadansúa universidade e os puntos de información, unha actividade de temática xeral sobre software libre, estándares abertos e licenzas libres. Consisten na montaxe dun mostrador nun centro da universidade, desde as 10 da mañá ata as 18 da tarde, no que se reparten trípticos informativos sobre varios temas relacionados co software libre, se asesora as persoas que se acheguen a preguntar e ata se lles pode axudar na instalación de software libre nos seus portátiles.
  • Formación: Para axudar a paliar a carencia ou escaseza de oferta formativa en software libre nas universidades a OSL proporá unha serie de cursos formativos neste eido nas 3 universidades e tamén elaborará material formativo que poida servir de apoio a actividades de formación. Para non seguir dispersando a información sobre software libre que se xera en Galicia, a OSL decidiu subir toda a documentación ao Repositorio documental FLOSS de Galicia, así como redactar os how to que sexan necesarios en dita wiki.
  • Unha das actividades principais que se vai estender do ámbito da Universidade de Santiago de Compostela ao resto é a implantación de arrinque dual nas aulas con distribucións de GNU/Linux. Na Universidade de Santiago de Compostela, desde a creación da Oficina de Software Libre a finais de 2008, optaron por adaptar a distribución de GNU/Linux Ubuntu as súas necesidades. Agora tomouse a decisión de adaptar unha distribución de GNU/Linux as necesidades das tres universidades baixo unha mesma imaxe conxunta
  • Localización e tradución de software libre. A OSL ten previsto levar a cabo durante este ano a tradución ao galego da plataforma de teleformación Moodle, así como colaborar coa comunidade galega de tradución de software libre ao galego onde a OSL tamén dedicará parcialmente as súas enerxías a colaborar no esforzo para o mantemento das traducións ao galego do software máis popular da Fundación Mozilla e a suite ofimática LibreOffice, que a OSL utilizará nas súas actividades de formación e difusión e que actualmente contan cun equipo de voluntariado moi escaso.

A OSLUG formará parte do CIXUG, que xa se encarga de levar a cabo outros proxectos de interese común para as tres universidades, como é a xestión a realización do aplicativo de xestión académica que actualmente empregan as tres universidades, Xescampus. O persoal da OSL pertence ao CIXUG pero traballa dentro das universidades e en colaboración co persoal das universidades. Nestes momentos, a OSLUG, conta con catro traballadores. Un coordinador e tres técnicos. En cada universidade ubícase un técnico que se encarga de colaborar estreitamente co persoal da universidade para levar a cabo a promoción do software libre nela.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal