O pasado mes de setembro dabamos conta da oferta de cursos de formación para PAS sobre Writer e Ubuntu na Uvigo a proposta da OSL do CIXUG, informando que serían ofertados posteriormente nas outras dúas universidades do Sistema Universitario Galego.
Continuando pois con esta iniciativa de formar ao persoal de administración e servizos das 3 universidades, co obxectivo de lograr a adquisición e mellora de competencias profesionais así como facilitar unha futura migración dos seus sistemas a software libre, a USC e a UDC realizaron a súa correspondente oferta formativa neste eido que vai ser impartida polos técnicos da OSL do CIXUG durante os meses de novembro e decembro.
Así tanto a UDC como a USC convocaron 4 cursos, dous na modalidade presencial e outros dous na modalidade de teleformación:
- Presencial:
- Iniciación LibreOffice Writer
- Primeiros pasos coa distribución GNU/Linux da Universidade, baseado en Ubuntu 12.04
- Teleformación, impartidos a través da plataforma Moodle do CIXUG e comúns para o persoal PAS das tres universidades:
- Iniciación LibreOffice Writer
- Iniciación LibreOffice Impress
Ademais o material dos cursos de teleformación será publicado con licenza libre e en formato SCORM no Repositorio Documental FLOSS da Xunta de Galicia para o seu reaproveitamento por calquera outra entidade con interese en formar ao seu persoal na ofimática libre.
Curso Primeiros pasos coa distribución de GNU/LINUX da Universidade (UBUNTU)
Os asistentes adquirirán os coñecementos mínimos para realizar as mesmas tarefas que fan en Windows co sistema GNU/Linux da Universidade: Navegar polos ficheiros (copiar, pegar e
modificar ficheiros; comprimir e descomprimir ficheiros; organizar os cartafoles; etc), navegar
pola Internet co Firefox, configurar o correo, instalar e desinstalar programas, gravar CD, crear documentos. Ademais ensinaránselle unha serie de boas prácticas relacionadas coa informática.
O temario proposto para este curso é o seguinte:
- Familiarizarse coa nova interface (escritorio)
- O navegador de ficheiros
- Navegar pola Internet co Firefox
- Configurar o correo
- Instalar e desinstalar programas
- Boas prácticas, estándares
Este curso ofértase só en modalidade presencial e conta cunha duración de 10 horas. A metodoloxía empregada será eminentemente práctica, na que o alumno levará á práctica no seu computador as explicacións do profesor.
Curso de Writer (procesador avanzado de textos da suite LibreOffice, unha alternativa a Word) «Do texto ao documento»
O obxectivo deste curso é que os asistentes sexan quen de usar un procesador de textos de modo correcto, que aprendan a estruturar adecuadamente un documento, a usar estilos, a crear e reutilizar modelos coa ferramenta LibreOffice Writer. Durante o curso tentarase aproveitar os coñecementos previos no manexo do procesador de texto Word e portalos á alternativa libre Wirter. A duración do curso é de 10 horas.
A docencia correrá a cargo de Enrique Estévez, actual coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, a través do CIXUG para o caso da USC e de Rafael Rodríguez Gayoso, para a UDC, actual técnico da OSL asignado a dita universidade.
O temario proposto para este curso é o seguinte:
- A interface do Writter
- A estrutura dun documento
- Os estilos
- Índices e táboas
- Crear e usar modelos
- Extensións de corrección ortográfica
Na edición presencial realizarase unha metodoloxía eminentemente práctica, na que o alumno levará á práctica no seu computador as explicacións do profesor.
No caso da edición de teleformación o curso está dividido en diferentes unidades didácticas que o alumnado poderá seguir libremente, tendo á súa disposición un titor que atenderá e resolverá as súas dúbidas e cuestións a través de distintos medios. Ao final de cada unidade o alumnado deberá realizar un test de avaliación dos coñecementos adquiridos.
Iniciación LibreOffice Impress, unha alternativa libre a PowerPoint
O obxectivo do curso é que os asistentes aprendan a realizar presentacións coa alternativa libre ao
PowerPoint, e que entendan ben os diferentes elementos que ten unha presentación. A maiores,
presentaranse unha serie de consellos a ter en conta cando realicen unha presentación.
O temario proposto para este curso é o seguinte:
- A interface do Impress
- Os diferentes elementos dunha presentación
- Os estilos
- Crear e usar modelos
- Consellos para realizar presentacións
Este curso ofértase tan só en modalidade de teleformación e divídese en diferentes unidades didácticas que o alumnado poderá seguir libremente, tendo á súa disposición un titor que atenderá e resolverá as súas dúbidas e cuestións a través de distintos medios. Ao final de cada unidade o alumnado deberá realizar un test de avaliación dos coñecementos adquiridos.
Os interesados en coñecer os detalles das datas de celebración destes cursos poden facelo a través das seguintes ligazóns:
Formación na Universidade de Vigo
Na universidade de Vigo xa se realizaron dous cursos presenciais dos catro que se teñen planificados. Tanto o curso de Writer realizado no Campus de Ourense como o curso de Ubuntu realizado no campus de Vigo contaron con moi boas valoracións dos asistentes que ademais amosaron un gran interese e participación no desenvolvemento dos mesmos.
Nesta universidade está pendente a publicación da convocatoria dos dous cursos de teleformación.
Estes cursos forman parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.
