Mancomún

A OSLUSC avalía os resultados do Fiadeiro de Localización

Martes, 9 Xuño 2009

FiadeiroDespois do éxito acadado durante a celebración, o pasado mes, do Fiadeiro de Localización de Software Libre, organizado pola Oficina de Software Libre da USC, xunto coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) e o Servizo de Normalización Lingüística da USC e coa colaboración de Mancomún, o persoal da OSLUSC publica agora as conclusións e os resultados do obradoiro.

Así, logo dos procesos de revisión e avaliación das traducións realizadas no transcurso do curso, os membros da organización resolveron en conceder o premio “Más e melllor” á parella de traballo integrada por Alejandra Mosquera Gómez (Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas) e Rocío Alonso Ramudo (Historia da Arte), que recibirán un diploma acreditativo e 200 euros como recoñecemento económico ao esforzo realizado.

Precisamente este esforzo, xunto co doutras corenta persoas, foi o que permitiu a localización da última versión do NetBeans, unha popular plataforma para o desenvolvemento de aplicativos de escritorio e escollida como produto de tradución polo seu uso común no ámbito educativo.

Segundo explicaron membros da Oficina de Software Libre da USC, “a experiencia de remisión ao grupo de desenvolvemento oficial de NetBeans foi moi satisfactoria, interesándose polo estado da tradución todos os días e incluíndoa no repositorio no xusto momento de envío”. Será por isto que en vindeiros días Sun Microsystems lanzará a versión final do IDE NetBeans, na que xa incluirá oficialmente todas as traducións ao galego -entre as que están o IDE completo, o módulo de desenvolvemento de Ruby, instalador e a meirande parte dos módulos de programación en C/C++, Java, e Servizos Web.

Aínda que a tradución total requirirá completar 67.000 cadeas únicas -tres cuartas partes do proxecto-, os organizadores fan unha valoración moi positiva dos resultados logrados co encontro de tradución, non só por ter conseguido localizar ao galego a interface principal do contorno de desenvolvemento NetBeans, senón tamén, e o que é máis importante, “por ter creado interese entre a comunidade universitaria, poñendo a semente dunha comunidade de tradución ao redor deste IDE”.

Algúns dos asistentes ao obradoiro participan xa activamente en traballos de tradución da comunidade galega de software libre.

Fonte: OSLUSC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal