Ao igual que o anterior curso, do que deramos conta na web de Mancomún, “iTALC, ferramenta libre de xestión de aula”, este curso inscríbese no servizo de formación que a Oficina está a ofrecer a PAS, PDIs e alumnado da Universidade de Santiago de Compostela por medio do Plan de Formación e Innovación Docente.
O curso está dirixido fundamentalmente ás persoas vencelladas á facultade de Bioloxía, Química, Matemáticas e Ciencias da Educación, entre outras facultades. O obxectivo do obradoiro céntrase en amosar aos participantes o proceso de instalación, configuración e administración dun sistema GNU/Linux, de xeito que poidan ter total control sobre o mesmo.
O programa, que completou xa as dúas primeiras sesións o pasado día 3 e 4 de marzo, rematará cun novo encontro o vindeiro 10 de marzo en horario de 16 a 19 horas na Facultade de Ciencias da Educación.
Todos os contidos deste obradoiro están a ser impartidos na Aula 16 da Facultade de Ciencias da Educación, onde se está a poñer en práctica o Primeiro Plan Piloto de implantación de GNU/Linux na USC .
Segundo esta iniciativa, 25 equipos contan coa personalización de Ubuntu USC rc1.0 “Troia” -baseada na personalización do metapaquete AraOS – e coa escolma preliminar de software necesario para a titulación.
O temario do curso reprodúcese a continuación:
-
Instalación
-
Contorno de escritorio. Tarefas habituais: montar dispositivos, áreas de traballo, manexo do nautilus, copias de seguridade, gravar cederróns, comprimir arquivos…
-
Aplicacións de uso xeral: Firefox, Evolution, Rythmbox, Pidgin, Totem
-
Idioma: configuración, modos de entrada, sistema de arquivos, traducións de Mancomún.
-
Paquetes de software: buscar software novo, instalar, eliminar. Wine: aplicativos de Windows.
-
Cando o software libre non é de abondo: aplicativos privativos, códecs, controladores.
-
The GNU/Linux way: a comunidade, os GGULs, documentación, foros de Ubuntu, LFDP. Grupos de Usuarios de GNU/Linux de Galiza.
-
As posibilidades do GNU/Linux: ofimática, vídeo, deseño e autoedición, ciencia, programación, xogos, VOIP e videoconferencia…
Dada a boa resposta rexistrada entre os asistentes, o persoal responsábel do OSLUSC está a negociar un curso semellante para un público mais amplo e que se enmarcaría dentro do programa dos Cursos de Verán da Universidade. Asemade, esperan poder repetir a experiencia dentro doutros centros formativos da universidade.
