A Oficina de Software Libre da USC organiza entre os días 27 e 31 de xullo un curso de introdución ao sistema operativo Ubuntu coa finalidade de achegar este sistema aos usuarios noveis e con coñecementos básicos que busquen unha visión de conxunto de como funciona o sistema e que queiran aprender como aproveitar mellor as súas posibilidades.
O curso abranguerá dende a instalación do sistema ata o seu uso habitual, pero tamén en ámbitos máis especializados como pode ser o eido profesional do deseño gráfico, a edición multimedia, a programación, a ofimática ou o campo dos xogos. Para isto, aprenderase a instalar e actualizar software, xestionar copias de seguridade dos datos persoais ou a manexar as funcionalidades básicas do contorno de escritorio.
Os interesados deberán matricularse antes do día 17 de xullo, segundo os procedementos estabelecidos pola USC.
O curso está orientado ao público xeral e non precisa de coñecementos de GNU/Linux, aínda que serán de axuda nocións básicas a nivel de usuario ou de como empregar un computador. As sesións serán integramente prácticas, e cada alumno disporá de cadanseu computador para seguir os exercicios propostos.
O curso inscríbese no marco dos Cursos de Verán da USC promovidos pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela. Os/as asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia. Para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecible como 2 créditos de libre configuración.
Fonte: OSLUSC
