Mancomún

A OSLUSC organiza un curso sobre software libre vencellado á lingüística

Luns, 29 Xuño 2009

Software Libre e Lingüística

A Oficina de Software Libre da USC dá a coñecer hoxe todos os detalles sobre o curso “O Software Libre e a Lingüística”, que terá lugar entre os días 21 e 24 de setembro en Santiago e co cal se pecha a ampla oferta formativa en materia de tecnoloxías libres no marco dos Cursos de Verán da USC que se viña publicitando nos últimos días.

Este curso ten como finalidade presentar algúns aspectos salientábeis da informática aplicada á lingüística e á tradución, e en concreto das ferramentas e proxectos de software libre existentes neste eido. Para isto, cun programa aínda aberto e suxeito a cambios, afondarase no estudo das ferramenta de normalización lingüística, tradución asistida, estudo en liña de linguas, o papel da universidade na investigación lingüística, etc.

Antón Méixome, lingüista de Mancomún, participará en dúas sesións abordando as características e a dispoñibilidade do software existente neste campo (correctores ortográficos, analizadores sintácticos…), así como dos aplicativos en desenvolvemento (correctores estilísticos, sinónimos, gramaticais…). Xunto a el estarán outros membros destacados da comunidade de tradución de software libre ao galego, como Miguel Branco , Marce Villarino ou José Ramón Pichel.
O seminario está dirixido ao público en xeral, aínda que será de especial interese para aquelas persoas que, académica ou persoalmente, están ligadas a proxectos de tradución, investigación lingüística e industrias da lingua.

“O Software Libre e a Lingüística” inscríbese no marco dos Cursos de Verán da USC promovidos pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, polo que os prazos e tasas de inscrición para o curso estarán sometidos ás súas pautas. Polo mesmo, os asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia e para os/as estudantes da USC e será recoñecíbel como un crédito de libre configuración.

Con este curso, serán un total de catro obradoiros os que acollerá a Universidade de Santiago de Compostela en relación ao software libre -dos cales foi dando conta Mancomún-: “A revolución do Software Libre 2009 (OSREVOLUTION 09)”, “Introdución a Ubuntu GNU/Linux”, “II Xornadas de Control Automático e Robótica con Ferramentas Open Source 09” e “O Software Libre e a Lingüística”. Todos estes cursos manteñen aberto o prazo de inscrición.

Máis información:
http://www.usc.es/osl/lingua
http://www.usc.es/cultura/uveran09.htm

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal