Mancomún

A plataforma de localización Transifex saca nova versión

Venres, 20 Marzo 2009

Esta nova versión 0.5 (Gold) representa un importante avance no desenvolvemento de Transifex desde Transifex 0.3 de novembro de 2008. O cambio máis importante é a completa reescrita do código desde cero, a migración á plataforma de desenvolvemento Django, así como tamén as múltiplas características engadidas, que significan un punto de inflexión na historia de Transifex.

 Transifex ofrece un novo enfoque da metodoloxía da localización que marca distancias non só cos métodos básicos senón cos sistemas centralizados tipo Rosetta.

O punto forte de Transifex é que xestiona as remisións de ficheiros dun xeito que combina ben cos fluxos de traballo das partes implicadas nos procesos. É “amigábel” para a remisión “upstream” (as persoas desenvolvedoras están contentas ao usaren o seu sistema de elección e non ter que se preocupar por quen traduce) e tamén é funcional nas descargas (os tradutores son felices ao traballaren en equipo e non teren que se preocupar polo desenvolvemento).

Segundo o que opina o equipo de desenvolvemento de Transifex non hai outra solución con ese valor engadido no sentido (e na cantidade) en que Transifex o fai.

Fedora (translate.fedoraproject.org) emprega este sistema para a localización da súa distribución a máis de 70 idiomas e coordinar a centos de tradutores.

Este é o esquema cómo Transifex encaixa as pezas

– Fluxo tradicional de traballo:
A forma tradicional de xestión da traducción é moi simplista. O tradutor recibe traducións conectando e usando ordes anónimas por CVS, ou HTTP simple. Ou ben se lle permite acceder ao servidor de desenvolvemento ou o promotor recibe correos electrónicos con traducións ou informes de erro. Ambas formas impoñen un alto sobrecusto de mantemento e administradores do proxecto, e unha alta curva de aprendizado para os tradutores, a maioría dos cales non son usuarios avanzados tecnoloxicamente.

Transifex oculta todos os detalles técnicos para os tradutores, e utiliza credenciais propias no seu sistema de autenticación. Desta maneira os desenvolvedores non teñen que manexar miles de contas, e os tradutores non teñen que aprender moitos tipos diferentes de sistemas (por exemplo, os comandos CVS). Ambos teñen cousas mellores que facer co seu tempo.

– Ferramentas centralizadas (Rosetta -de Canonical- , etc):
A maioría das solucións de tradución que ofrecen ata agora esíxenlles aos desenvolvedores migrar o código desde o seu sistema preferido para o sistema de elección destas ferramentas. Por exemplo, Rosetta só funciona con proxectos aloxados no Bazaar de Launchpad, e Pootle ten funcionalidade limitada ao traballar con proxectos aloxados en remoto vía CVS. Así que ou ben as persoas que desenvolven teñen que renunciar á productividade para facer isto, ou teñen os seus ficheiros descargados en local cos que teñen que mesturar a cotío as versións en desenvolvemento.

Transifex proporciona traducións directamente no sistema de versións do proxecto, polo que cada ficheiro remitido beneficia a todos os proxectos dependentes.

Transifex tamén é de código aberto, ao contrario do Launchpad de Rosetta que é software privativo.

– Ferramentas de tradución on-line (Pootle , etc):
Transifex está deseñado desde a base cun enfoque que mestura ben co fluxo de traballo habitual dos desenvolventes e tradutores. Como plataforma de distribución de contido, o obxectivo de Tx é ofrecer un completo servizo de apoio a ferramentas como Pootle, xestión de recepción de ficheiros e remisión de ficheiros a  sistemas remotos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal