O CNTG vén de facer pública a súa programación de cursos para o vindeiro 2013/2014 cun total de 51 cursos, 811 prazas e aproximadamente 3.000 horas de formación, que se complementarán coa realización de diversos seminarios técnicos de libre acceso para as persoas interesadas.
Dentro desta oferta formativa o software libre ten un peso importante, con algo máis do 40% das accións formativas relacionadas con últimos produtos e ferramentas libres demandadas actualmente polo mercado, tales como LPI, Red Hat, Zentyal, Asterisk, Zend, Cloudera etc .
Todas as accións formativas teñen unha clara orientación laboral. Trátase de accións formativas para o emprego de carácter técnico, intensivo e especializado, dirixidas preferentemente aos/ás profesionais galegos/as do sector das TIC. Na constante evolución da oferta formativa para adaptala ás demandas de profesionais polo mercado, o CNTG incorpora novos cursos de temáticas non tratadas en programacións anteriores como por é o caso de administración e/ou desenvolvemento Cloudera para Apache Hadoop.
Entre os cursos de tecnoloxías libres podemos destacar ademais dos cursos de Seguridade en contornas de VoIP e Configuración de servizos de seguridade corporativa con tecnoloxía baseada en software libre dos que vos falamos anteriormente, cursos:
- Cloudera Certified Administrator for Apache Hadoop
- Cloudera Certified Developer for Apache Hadoop
- Administración de sistemas operativos Linux (LPIC1)
- Administración avanzada de sistemas operativos Linux (LPIC2)
- Seguridade en sistemas operativos Linux (LPIC3)
- Administración avanzada de sistemas operativos Red Hat Linux
- Administración de redes linux con Zentyal
- Administración de bases de datos MySQL
- Zend framework para o desenvolvemento de aplicacións PHP
- Desenvolvemento de aplicacións WEB con PHP e MySQL sobre Apache
- …
Todos os cursos impártense nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en xornadas de mañá ou tarde. Ademais, gran parte deles inclúen a posibilidade de que o alumnado realice de balde un exame de certificación oficial relacionado coa materia formativa do curso ao que asistiron.
A inscrición dos cursos deste último cuadrimestre do ano está xa aberta. As persoas interesadas poden coñecer en detalle a programación formativa completa para o período 2013/2014 na web do CNTG ou a través da ficha completa de cada curso accedendo á sección formación do menú actividades do portal web do centro.
A formación en software libre para os profesionais é unha das principais accións recollidas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
