Hoxe luns 19 de setembro comeza o ciclo de xornadas formativas provinciais sobre Software Libre dirixidas aos axentes TIC, os profesionais que se ocupan das 89 aulas que integran a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT). Esta primeira xornada ten lugar de 10:00 a 14:00 horas na aula CeMIT de Santiago.
Aínda que esta proposta está dirixida principalmente aos responsables das aulas CeMIT para que se introduzan no uso dos aplicativos libres, o curso tamén está enfocado a todas aquelas persoas que desexen adquirir información no uso do software libre baixo o sistema operativo Linux.
Contido da xornada
A xornada estrutúrase en tres partes, cunha introdución na que se dará a coñecer o sistema operativo, o contorno de escritorio e o explorador de ficheiros do sistema. Na segunda parte abordarase a personalización e administración do sistema operativo e o traballo cos principais aplicativos da distribución e na terceira trataranse outros aplicativos de Software Libre de uso habitual.
Haberá catro xornadas provinciais co fin de achegar a formación ao maior número de axentes posibles. O curso celébrase en horario de 10:00 a 14:00 horas coa seguinte axenda:
- Día 19 na aula CeMIT de SANTIAGO DE COMPOSTELA
Aula Centro Multimedia de Galicia
Rúa Hórreo 61-2º
- Día 20 na aula CeMIT de LUGO
Centro Social Lamas de Prado
Praza do Castiñeiro, s/n
- Día 21 na aula CeMIT de OURENSE
Avda. Progreso 44
- Día 22 na aula CeMIT de VIGO
Rúa Oporto, 1
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Oficina CeMIT a través do seguinte correo electrónico formacion-cemit@xunta.es, ou ben a través do teléfono 981 957 136.
Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) configurase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar o emprego das TIC de cara a fomentar a empregabilidade, a competitividade empresarial, a eInclusión, o Benestar e o pulo da eAdministración.
Seguindo a política de promoción, difusión e fomento da utilización de tecnoloxías FLOSS que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia recollida no Plan de Acción FLOSS, a rede CeMIT estase a equipar con sistemas operativos, solucións e ferramentas informáticas baseadas en software libre colaborando así tamén na súa difusión entre a cidadanía. Estas tecnoloxías proporcionan grandes vantaxes ao permitir achegar as TIC cun menor custo a toda a cidadanía, contribuíndo así ao obxectivo da rede CeMIT de reducir a fenda dixital, dotando á poboación, independentemente dos seus recursos, da competencia dixital que na sociedade actual constitúese como base fundamental para o emprego de calidade, a cohesión social e a calidade de vida.
Fonte: Xunta de Galicia
