Mancomún

A rede CeMIT impartirá despois do verán os cursos do plan ofimático de Galicia e realizará as probas para obter o certificado Codix

Martes, 13 Maio 2014

Esta semana publicouse no DOG a orde que autoriza á Rede de Centros para Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) a ofrecer o itinerario formativo do Plan Oficmático de Galicia así como a realizar as probas de avaliación para a obtención do Codix, certificado de competencias dixitais en ofimática, que emite a Amtega, e que acredita a formación neste materia da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada.

A partir de setembro a Rede CeMIT incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade, concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice:

  • Sistema operativo, búsqueda da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Os usuarios da Rede poderán acceder a esta formación a través de tres modalidades:

  • de xeito presencial, nas aulas CeMIT
  • en modalidade a distancia, a través da plataforma de teleformación do portal CeMIT, EMA, onde se habilitarán quendas titorizadas en datas por determinar
  • na modalidade de autoformación utilizando recursos externos á Rede.

Á formación titorizada presencial ou á telemática poderán acceder as persoas maiores de 16 anos inscritas como usuarios da Rede CeMIT.

A modalidade de autoformación ofrecerase de forma gratuíta para que poida ser realizada polas persoas interesadas, de forma independente mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación.

Unha vez superados os cursos do Plan Ofimático os interesados en obter o certificado de competencias dixitais en ofimática deberán superar unha proba de avaliación presencial nas aulas.

Así mesmo, unha vez lanzada esta oferta formativa, publicaranse con licenza libre os materiais formativos elaborados para a mesma a través do Repositorio Documental de Software Libre seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia recentemente publicada.

Acreditación dos responsables das aulas

A Amtega vén de convocar a formación para os responsables das aulas CeMIT e das entidades colaboradoras da Amtega. Esta formación dos axentes desenvolverase durante o mes de xullo e remtará coa proba de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática.

Unha vez acreditados os formadores das aulas, a partir de setembro, convocaranse cursos abertos á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimático e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal