O Concello de Camariñas dispón xa dun dos novos centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información e cos que o proxecto da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información se achega xa ao centenar de puntos de acceso ás novas tecnoloxías da información fornecidos para a toda a sociedade galega.
O centro foi inaugurado o pasado 19 de decembro nun acto no que estiveron presentes a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela; a tenente alcalde de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Encaixe, Turismo e Traballo, Sergio Caamaño; e a edil de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde, Mª del Carmen Linares.
O novo espazo, situado no Centro de Iniciativas Empresariais da rúa Do Río do Prado, s/n, no primeiro andar, está equipado coa tecnoloxía máis avanzada e integramente con software libre. Un total de dez ordenadores, unha cámara fotográfica dixital, un retroproxector, unha impresora láser, unha impresora a cor, un escáner, diversas webcams e nove lectores de DNI están desde hoxe mesmo á disposición de toda a poboación que precise e desexe utilizalos.
Esta nova apertura débese ao éxito recollido pola Rede de Dinamización desde que se iniciou a súa actividade en Camariñas, en xaneiro do 2007. Desde esa data puxéronse en marcha 29 obradoiros ao longo dun total de 295 horas, nos cales participaron máis de 148 usuarios/as, sendo un 57% mulleres. Os obradoiros, na súa maioría, estiveron destinados a proporcionar un achegamento básico ás Novas Tecnoloxías a través da alfabetización dixital, aínda que tamén se realizaron outros obradoiros sobre ocio e servizos da Rede ou ofimática. Tamén resulta ilustrativo o feito de que, á marxe destas actividades, houbese máis de 280 usuarios/as que empregaron as instalacións de xeito libre, para levar acabo xestións particulares ou actividades de índole académica, entre outros.
Galardón II Concurso de Iniciativas na Rede
Tras o acto de apertura deste, que tivo lugar ás 11.30 horas, procedeuse á entrega de premios ás 12, no Salón de Actos da Casa da Pedra. Neste acto recibiron o seu galardón os autores do proxecto “Outros fíos na Rede”, un blog onde os seus creadores, todos maiores de 60 anos, escribiron ao longo do mes de maio as súas lembranzas e reflexións sobre algo ben coñecido por todos eles: o encaixe. O obxectivo do proxecto, como ben recolle o seu nome, era pór as Novas Tecnoloxías ao servizo dunha tradición con tanto arraigo na zona. O dinamizador responsábel da iniciativa, Óscar Fernández Clapés, recibiu tamén o seu premio correspondente.
