
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, inaugura o vindeiro sábado, día 3, un novo centro en Vilagarcía de Arousa, que se ubicará na Avenida Juan Carlos I, nº 21 (Esquina Rúa Castor Sánchez).
A nova aula estará totalmente preparada para que o persoal dinamizador da Rede poida achegar as Novas Tecnoloxías á poboación. Comporán o equipamento un total de trece computadores con lectores de DNI, unha impresora a cor e outra en branco e negro, un proxector, unha cámara de fotos dixital, un escáner e doce cámaras web que estarán á disposición de quen desexe utilizalos.
A nova aula estará a partir do sábado xa lista para acoller as diversas actividades tales como obradoiros, charlas ou cursos de formación externa, que se adaptarán ás necesidades dos distintos colectivos sociais para lograr un achegamento ás Novas Tecnoloxías por parte daqueles máis afectados pola fenda dixital. O novo centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como poden ser de iniciación á Internet, á Informática ou ao procesador de textos con software libre.
Deste xeito, a Rede de Dinamización continúa co seu traballo decidido a prol de conseguir a inmersión nas Novas Tecnoloxías da poboación galega, sobre todo daqueles colectivos con maior risco de exclusión como constitúen as mulleres, as persoas maiores ou a poboación do rural.
Ao acto, que se celebrará ás 12.30 horas, acudirán Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a delegada da Consellaría de Innovación e Industria en Pontevedra, Montserrat Prado, o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Villasante Carrera, e a concelleira de Promoción Económica do concello de Vilagarcía, Rosa Abuín Rodríguez.
Fonte: Rede de Dinamización
