O acto de inauguración terá lugar ás 20 horas na propia sede do centro, que estará localizado na Praza da Catedral, número 37.
Como os outros centros da Rede, este estará totalmente equipado para o correcto desenvolvemento das actividades de formación previstas polo persoal dinamizador. Concretamente, disporá de doce computadores, varios lectores de DNI, cámaras web, dúas impresoras, un escáner, un canón, unha pantalla proxectora e unha cámara de fotos dixital, entre outros dispositivos tecnolóxicos. Todo este equipamento funcionará sobre software libre.
A inauguración deste centro consolida a presenza na vila da Rede de Dinamización, que xa estaba a desenvolver a súa actividades dende abril de 2008. Desde esa data, un total de 107 usuarios e usuarias fixeron o carné da Rede para poder acceder de forma libre e gratuíta ás súas instalacións. Segundo isto, foron 742 os usos que se fixeron nas horas de aula aberta e impartíronse un total de 33 obradoiros, nos que se formou a 134 persoas ao longo de 200 horas.
Promovendo o uso do software libre
Os centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información están a traballar activamente, da man do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, na promoción das tecnoloxías e os estándares abertos.
Ademais dos obradoiros impartidos con aplicativos de software libre, enmarcados no programa de actividades formativas (Linux, OpenOffice.org…), a Rede de Dinamización está a distribuír por toda a xeografía galega exemplares do sistema operativo libre e en galego promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Galinux . Calquera persoa que desexe obter unha copia deste poderá achegarse ao centro da Rede de Dinamización máis próximo e facerse con el de xeito gratuíto.
Fonte: Rede de Dinamización
