Mancomún

A Rede de Dinamización promove o uso do Galinux no Concello de Sada

Mércores, 25 Febreiro 2009
GalinuxA Rede de Dinamización únese á campaña de promoción que a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información está a realizar en volta do Galinux coa organización dun relatorio sobre este completo sistema operativo libre e en galego no Concello de Sada.

Baixo o nome “Galinux, o Linux en galego e de balde”, os dinamizadores da Rede no concello, Víctor González e Lucía Sanz, amosaranlles aos asistentes as principais características e vantaxes do Galinux. Así como o seu funcionamento dende o punto de vista dun usuario normal.

O propósito é que ao remate deste obradoiro calquera persoa sexa capaz de manexar con certa soltura os obxectos (ficheiros, cartafoles, ferramentas …) e funcionalidades básicas que ofrece un computador usando, sen problemas, o sistema operativo en galego desenvolvido por Mancomún.

O encontro terá lugar o venres 13 de marzo en horario de 19 a 20:30 horas e poderán participar nela todas as persoas que así o desexen.

Galinux, un sistema operativo “en galego e de balde”

Galinux é un completo sistema operativo en galego baseado na distribución de Linux, Ubuntu. Xunto a todas as funcionalidades típicas dun sistema operativo, Galinux incorpora os principais aplicativos libres e en galego, tales como o popular navegador web Firefox, os programas de ofimática incluídos en OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo ou presentacións multimedia), o corrector ortográfico, clientes de correo electrónico, un programa de retoque fotográfico de alta calidade, un aplicativo de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Ademais dun sistema automático de actualizacións, que permite manter o equipo sempre ao día, dun xeito periódico e gratuíto.

Dada a configuración do Galinux non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das súas vantaxes básicas. Por outra banda, achega a opción de ser probado no computador sen modificación ningunha da súa configuración previa.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal